subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso recibiu a un grupo de entidades e prescriptores británicos para establecer vínculos e reforzar a súa aposta polo Camiño Inglés


orosoO Concello de Oroso estuda novas vías para reforzar a súa aposta polo Camiño Inglés e recibiu estes días a doce prescriptores e representantes de diferentes entidades británicas.

A iniciativa, a través da Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, materializouse coa colaboración das oficinas de Turismo de Londres e Dublín. No mes de novembro haberá unha nova visita, neste caso de xornalistas e blogueiros para difundir o potencial da ruta.

Nesta ocasión, entre as persoas participantes na comitiva do ‘Fam Trip’ atopábanse membros da Confraternidade Sant James de Reino Unido, da Boyne Valley Camiño e da Camiño Society de Irlanda, do St. Barbe Museum & Art Gallery de Lymingon, do County, de Visit County Durham, da asociación de amigos do Camiño Inglés Finchale, da abadía de Reading e a operadora de viaxes Navan Travel.

En Oroso, o grupo de traballo foi recibido polo alcalde, Luis Rey, e realizou un tramo do Camiño Inglés en compañía de Antonio Leira, concelleiro de Turismo e deputado provincial.

“Mostraron moito interese polo papel do Concello de Oroso na revitalización do Camiño Inglés e polas iniciativas que desenvolvimos, como a recuperación do Carboeiro, a nova senda peatonal e a posta en valor dos lavadoiros ou a fonte da Santiña”, explica Leira.

Outro aspecto que destacaron foi a papel da comunidade educativa de Oroso para trasladar os valores do Camiño Inglés ás novas xeracións, a través de intercambios con centros educativos británicos e con iniciativas como “Escríbelle unha carta a…” para coñecer aos peregrinos e peregrinas máis ilustres que pasaron polo concello.

“A visita serviu para establecer vínculos e crear mesas de traballo para o deseño de accións que potencien esta ruta xacobea e os seus itinerarios desde os seus países de orixe, o impacto social e económico do Camiño Inglés en Oroso é moi alto e medra cada ano”, engade o alcalde, Luis Rey.