subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os cogomelos serán os grandes protagonistas este venres en Oroso na primeira xornada da ruta gastronómica “Bocados de Outono”.


Dezaoito establecementos hostaleiros obsequiarán a todos os seus clientes cunha elaboración especial con cada consumición entre o venres e o domingo.

Os cogomelos serán os grandes protagonistas da primeira xornada da ruta gastronómica “Bocados de Outono”, que dará comezo as sete da tarde deste venres 18 de novembro. Entre as sete da tarde e as dez da noite, todas as persoas que se acheguen a algún dos 18 locais que participan na campaña organizada polo Concello de Oroso terán a oportunidade de degustar unha tapa especial con cada consumición.

De entre as primeiras dezaoito propostas, seis terán como protagonistas os cogomelos, que poderán degustarse con filloas, en risoto, en tosta e mesmo en albóndegas. Outros produtos propios do outono que tamén estarán moi presentes nesta ruta gastronómica son as tostas, as castañas, as filloas e os grelos, que se poderán catar en ata tres elaboracións diferentes cada unha. Unhas propostas que se poden consultar tanto na web municipal (www.concellooroso.com) como nos boletíns repartidos polo municipio.

Sábado e domingo

Os “Bocados de Outono” tamén estarán dispoñibles o sábado 19 de novembro, de 12:00 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas, e o domingo 20 de novembro, de 12:00 a 15:00 horas. Os cogomelos tamén serán o ingrediente máis empregado nas elaboracións destes dous días, nos que gañarán protagonismo tamén outras tapas a base de orella, cocido e os callos.

Os locais participantes nesta primeira edición da ruta gastronómica “Bocados de Outono” son: Bar Tapas, Sigüeiro Hostel, Café Bar O Xardín, Cafetería 6 Ríos, Bar X que no?, Cafetería Ché, D´Vila, Café Bar Restaurante Mirás, Sigü Café, Adega O Ribeiro, O Café de Manuela, Bar Stop, Restaurante La Cantina, Anbore Coffee Bar, Mesón Tambre, Restaurante O Cortés, O Noso Mesón e Pulpería Mesón As Rías. Con esta iniciativa, o Concello de Oroso segue apostando pola dinamización do seu sector hostaleiro, organizando actividades que atraian máis visitantes ao municipio.