subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición nas VII Xornadas Micolóxicas, que terán lugar o sábado 27 de outubro e incluirán saídas ao monte.


orosoO Concello de Oroso abre o prazo de inscrición nas VII Xornadas Micolóxicas, que terán lugar no centro cultural de Sigüeiro o sábado 27 de outubro. A iniciativa está dirixida a todos os públicos, de xeito que os veciños e veciñas de Oroso que o desexen poderán introducirse no mundo da micoloxía dun xeito moi completo xa que non só conseguirán uns coñecementos teóricos, senón que sairán ao monte a recoller cogomelos.

As VII Xornadas Micolóxicas están organizadas polo Concello de Oroso. Os prezos de anotación son de 15 euros para adultos e 7 euros para nenos menores de 12 anos empadroados en Oroso. Os non empadroados en Oroso terán que aboar 22 e 14 euros, respectivamente. As inscricións poden realizarse no centro cultural de Sigüeiro ou no teléfono 981 690 903. O prazo de anotación remata o martes 22 de outubro.

A xornada comezará ás 9:30 horas cunha charla de introdución á micoloxía "Os hábitos dos cogomelos" a cargo de Martín Souto, biólogo da Universidade de Santiago de Compostela, quen ensinará as diferenzas entre setas comestibles e tóxicas. Ás 11:15 horas, tras un pequeno refrixerio, terá lugar unha saída ao monte para recoller cogomelos. Ás 14:30 horas haberá un xantar-degustación no Restaurante Mariñaos e, ás 17:00 horas, o centro cultural de Sigüeiro acollerá unha sesión de identificación e exposición dos cogomelos apañados durante a mañá.

Para que as Xornadas Micolóxicas se leven a cabo será preciso xuntar un mínimo de 15 participantes, tendo preferencia na hora da inscrición os veciños e veciñas empadroados no Concello de Oroso. Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto.