subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso acolle esta fin de semana o I Trofeo XCO Concello de Oroso de ciclismo e a II Fase Provincial de Niveis de patinaxe artística.


O I Trofeo XCO Concello de Oroso, décima xornada do Open XCO Galicia e clausura do Circuíto Deputación da Coruña BTT-XC, reunirá a máis de 150 ciclistas este sábado pola tarde en Trasmonte.
Patinadoras de trece clubs do sur da provincia da Coruña examinaranse durante toda a fin de semana no polideportivo de Sigüeiro.

Oroso será sé de dous importantes acontecementos deportivos durante esta fin de semana: o I Trofeo XCO Concello de Oroso de ciclismo e a II Fase de Niveis A Coruña Sur de patinaxe artística. Dúas iniciativas organizadas por dous clubs locais, Tambre Bike e Club Patín Oroso, e que contan coa colaboración do Concello de Oroso.

A primeira cita nesta axenda terá lugar este sábado 17, a partir das 16:30 horas, en A Costa, na parroquia de Trasmonte. Organizado polo Tambre Bike e coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, este primeiro Trofeo XCO Concello de Oroso será a décima proba puntuable para o Open de Galicia XCO 2017, así como a última proba do V Circuíto Deputación da Coruña de BTT-XC. Os máis de 150 ciclistas participantes recollerán os seus dorsais entre as 14:00 e as 15:30 horas, estando prevista a primeira saída para as 16:30 horas e a segunda para as 18:00 horas.

Na proba participarán competidores de ata catorce categorías: Sub23, Junior, Elite, Cadete, Master 30, Master 40, Master 50 e Master 60 nas modalidades masculina e feminina. Ao ser a última proba do V Circuíto Deputación da Coruña de BTT-XC, na terra orosá decidirase quen son os mellores da provincia. A día de hoxe, lideran a proba Manuel Parada (Barbanzabike) e Nuria Senra (Eskornabois) en Elite, Andrea García (Cambre-Caeiro) e Roi López (Compostelano) en cadetes; Eloy Espiñeira (Caimanes Betanzos) e Alba Arias (Arteixo-MB3) en juniors; Marcos Roca (Betanzos) en Sub.23, Iván Pereira (Barbanzabike) en master-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) en master-40 e José Ramón Castelo no master 50-60.

Patinaxe

Paralelamente, o Club Patín Oroso e a Federación Galega de Patinaxe, en colaboración co Concello de Oroso e a Deputación da Coruña, organizan a II Fase de Niveis A Coruña Sur, que terá lugar no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro o sábado 17, o domingo 18 e o sábado 24 de xuño. Trece clubs que traerán aos seus alumnos e alumnas para realizar o exame de nivel diante dun xurado que valorará os exercicios que farán os/as patinadores/as.

Mañá sábado 17 de xuño será a quenda para o Club Patinaje Ribeira, Omega Patinaxe Artistica, Club de Patinaje Compostela, Club Patinaxe Fontiñas, Club Campelas, Club Patinaxe A Pobra e Diver Patín, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. O domingo 18 de xuño participarán Boiro, Club de Patinaxe Sarela, Club Patín Oroso, Patinaje Campus Stellae Stellae, Club Patinaxe Galia, Club Noia Patin e independentes, en horario de 9:30 a 13:45 horas e de 16:00 a 21:30 horas. En ambos días, os niveis a exame serán do 1 ao 5. O sábado 24 de xuño competirán todos os clubs nos niveis 6, 7 e 8, en horario de 10:00 a 13:15 horas.