subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Milleiros de persoas dan boa conta dos máis de 3.500 quilos de troita na XXI Festa da Troita de Oroso.


Diego Angueira Rial e Pablo Carnota Martínez foron os gañadores do Concurso de Pesca, nas modalidades adulto e infantil.
As malas condicións meteorolóxicas obrigaron a aprazar por motivos de seguridade a verbena do sábado coas orquestras Panorama e Atenas, que terá lugar o próximo 24 de maio.

orosoVarios milleiros de persoas ateigaron este domingo as rúas de Sigüeiro para desfrutar do Día Grande da XXI Festa da Troita. As malas condicións meteorolóxicas, que obrigaron a suspender a verbena da noite do sábado, só foron un mal recordo e o tempo acompañou durante toda a xornada, facilitando a afluencia milleiros de romeiros a Sigüeiro procedentes de toda a provincia.

A partir do mediodía comezou a Degustación de Troitas. A xente puido elixir entre desfrutar das distintas elaboracións que se facían nos 36 establecementos hostaleiros colaboradores ou degustar á raíña dos ríos fritida, con xamón e pan na carpa do restaurante A Magdalena, instalada na Alameda de Góis polo Concello de Oroso. O coordinador da Festa da Troita, Luís Rey Villaverde, salienta “o esforzo que supón para estes 36 locais comprar entre 80 e 90 quilos de troita para repartir hoxe entre os seus clientes. É algo polo que estamos moi agradecidos pois sen a súa colaboración a Festa da Troita non sería o que é hoxe: a única Festa de Interese Turístico da comarca”. A degustación estivo amenizada pola Charanga Mekánika e a agrupación folclórica Buxos Verdes.

Os 36 locais colaboradores son: Anbore Coffee Bar, Bar A Falmega, Bar A Ruta, Bar Boquete, Bar Restaurante Cortés, Bar Fernández, Bar Goros, Bar Nova Xeira, Bar O Campo, Bar O Cazador, Bar Sigüeiro, Bar Tapas, Bar XQ No?, Café Bar Ébano, Café Bar Sigü, Café Bar Xardín, Café Bar 1x2, Cafetería Ché, Cafetería D´Vila, Cafetería 6 Ríos, Cervecería 1900, Mesón Tambre, O Café de Manuela, Parrillada O Cachopal, Pulpería As Rías, Mesón Os Madeiros, Restaurante A Cantina, Restaurante Balasar, Restaurante Os Mariñaos, Restaurante Mirás, Restaurante O Noso Mesón, Sigüeiro Hostel, Vinoteca Raquel, Novo Rodeo, Viuda de Nouché e Cervecería Folk.

Pregón da festa

Acto seguido tivo lugar o pregón da Festa da Troita, que este ano correu a cargo de María de Lurdes Oliveira Castanheira, presidenta da Cámara Municipal de Góis. A alcaldesa do municipio irmandado con Oroso salientou que a troita tamén é un elemento que une a ambos concellos, pois “o río Ceira é un río troiteiro aló en Góis” e salientou que esta mesma semana albergou a cuarta proba do Campionato Nacional de Pesca de Troita. Así mesmo, María de Lurdes Oliveira aproveitou para destacar as vantaxes do irmandamento de Oroso e Góis, que este ano cumprirá o seu décimo aniversario, e convidou aos presentes a visitar Góis para probar tamén as troitas. “A primeira vez que vin a esta festa, o alcalde díxome que a troita coma en Sigüeiro, non a facían no mundo enteiro. En Góis facémola dunha maneira diferente e podo asegurarvos que tamén está moi boa”, asegurou a presidenta da Cámara Municipal lusa, quen tamén tivo tempo para bromear con Troi, a mascota do Concello de Oroso, a quen dixo que “teremos que buscarlle unha noiva aló en Góis”.

Oliveira Castanheira foi introducida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen como é tradición non fixo intervención máis aló de presentar ao pregoeiro e dar paso á entrega dos premios do XXI Concurso de Pesca, celebrado onte sábado no coto do río Tambre. Este ano o gañador foi Diego Angueira Rial, seguido por José Eiras Rodríguez e Adrián Becerra Franqueira. Completaron o podio de distinguidos Jesús Canicova Avoi, Roberto Espiñeira García, Martín Mosquera López, María Teresa Márquez Neira e Jesús Canicova Francos. Todos eles escolleron o seu trofeo, cortesía dos patrocinadores da proba.

Na modalidade infantil, celebrada esta mesma mañá no río Carboeiro, o campión foi Pablo Carnota Martínez, con 8 capturas, seguido por Abel Vidal Mansilla, con 6 capturas. Tamén foron premiados José Ángel Bruzas Roca, Rodrigo Mallo Guerra, Pablo Fernández Lojo, José Manuel González Mejuto, Lola Fernández Lojo, Santiago Blanco Ruppen, Martina Mazás Berdomás, Damián Ferreiro Raña, Lía Cruz Moreiro, Pablo Vidal Mansilla, Gabriel Moruja Echeverry, Alonso López Mandía, Daniel Vázquez Bouzas e Diego Anula Carro. Todos os pequenos recibiron un trofeo do Concello de Oroso e un agasallo por xentileza do establecemento Caza e Pesca Nogareda.

Os premios foron entregados polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira; a presidenta da Cámara Municipal de Góis, María de Lurdes Oliveira Castanheira; o presidente da Mancomunidade de Ordes e alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; o alcalde de Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo; e o concelleiro de Cultura e coordinador da Festa da Troita, Luís Rey Villaverde.

Para esta tarde continuarán os xogos populares de Garabato de xogos na praza Isaac Díaz Pardo e haberá un pasacalles co grupo de percusión Malandros e cunha escola de samba. A partir das 19:30 horas, El Combo Dominicano e a orquestra Metrópolis poranlle o broche de ouro á festa.

Sábado pasado por auga

A xornada do sábado estivo marcada pola choiva, moi persistente durante todo o día. Isto motivou o traslado das actividades previstas ao aire libre, como os obradoiros infantís e as actuacións de Lembranzas do Tambre e Néboas no Cumio, que tiveron que celebrarse a cuberto no centro cultural de Sigüeiro, onde encheron o salón de actos.

Así mesmo, a forte choiva obrigou á suspensión da verbena nocturna que tiñan que ofrecer as orquestras Panorama e Atenas. Ante as pésimas condicións meteorolóxicas que impedían a instalación dos palcos das orquestras, representantes das mesmas reuníronse con membros da organización da Festa da Troita e responsables da empresa encargada da seguridade na mesma, que recomendou a suspensión da verbena ante os riscos de fortes choivas. Unha previsión que se cumpriu como amosaron as fortes choivas caídas ás 19:00, 21:00 e 0:00 horas. Chuvias que tiveron mobilizados aos membros de Protección Civil ata altas horas da madrugada.

A nova data para a actuación da Panorama e Atenas en Sigüeiro queda fixada para o mércores 24 de maio, á espera de determinar a hora exacta da actuación. O Concello de Oroso lamenta as molestias causadas por este aprazamento pero lembra que a seguridade das persoas está por riba de calquera tipo de celebración e que se a decisión non se demorou no tempo foi precisamente para tentar de evitar molestias aos seguidores de ambas formacións e que non se atoparan coa suspensión ao chegar a Sigüeiro.