Saen a licitación as obras de construción do camposanto municipal de Marzoa, que contará con 385 nichos e estará rematado en 2011.
O BOP publica hoxe o anuncio, polo que se abre un prazo de 26 días naturais para a presentación de ofertas no Rexistro Xeral do Concello.
O BOP publica hoxe o anuncio de licitación, con procedemento aberto e cun único criterio de valoración, da construción do camposanto municipal de Marzoa, con capacidade para acoller un total de 385 nichos e situado no lugar da Cruz de Folgoso. Uns traballos que terán un orzamento base de licitación de 611.650 euros e que contarán cun prazo de execución de 12 meses.
O concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Xaime Carneiro, sinala que “o camposanto de Marzoa será unha realidade a finais de 2011, co que poremos o punto e final á tramitación dunha instalación moi demandada polos veciños pero que, por diversas causas, levou moitísimos anos”. De feito, na tramitación deste camposanto xa se empregaron case 14 anos, xa que foron moitos os proxectos que finalmente non saíron adiante por diversas razóns e debido aos numerosos requisitos administrativos que houbo que cumprimentar.
Un exemplo é que dende a presentación do proxecto, en xaneiro de 2009, ata o anuncio da licitación das obras de hoxe xa pasou máis de ano e medio. E iso que “contamos co total apoio dos veciños, xa que ninguén presentou alegacións ao proxecto de obra durante a súa exposición no Concello”, explica Carneiro Uzal.
Xaime Carneiro sinala tamén que “xa hai moitos veciños, principalmente de Marzoa, que se apuntaron para comprar o seu nicho unha vez que se rematen as obras. Os nichos sairán á venda a finais de 2011, pero aqueles que queiran reservalos poden facelo no Concello”.
Primeiro camposanto municipal
O camposanto de Marzoa será o primeiro de titularidade municipal que se constrúe en Oroso. Isto significa que o Concello de Oroso será quen financie eses 611.650 euros que custará a súa construción e despois porá en venda os nichos, aos que poderán acceder todos os veciños que o desexen. Ademais, ao non ser nin parroquial nin eclesiástico, neste camposanto poderase soterrar calquera persoa, independentemente do seu credo ou relixión. De feito, a intención do Concello de Oroso é apostar por este sistema de titularidade municipal nos camposantos que se constrúan en Oroso de aquí en diante, en aplicación das competencias que ten a Administración Local neste campo.
O camposanto municipal de Marzoa estará situado no lugar da Cruz de Folgoso, a carón do antigo campo de fútbol da localidade. De feito, gran parte dese terreo será empregado para a construción do cemiterio, que contará cun total de 385 nichos. Isto non significa que os veciños queden sen campo de fútbol, xa que o Concello de Oroso utilizará uns terreos dos que dispón na zona para ampliar o campo e mesmo construír unha zona para aparcamento de vehículos.
As empresas interesadas en participar na licitación desta obra poden recoller a documentación precisa en Alpi Copistería ou na Casa do Concello. As ofertas deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello antes de 26 días naturais contados a partir de mañá mércores, 11 de agosto.