subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso presenta un protocolo de actuación contra a violencia de xénero.


Este documento ten como obxectivos previr e sensibilizar aos veciños e saber como actuar nos momentos de crise e de despois da agresión.

oroso O Concello de Oroso presentou esta mañá, coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, un protocolo de actuación municipal contra a violencia exercida contra as mulleres. Un documento que responde ao compromiso do Concello de Oroso para poñer en marcha unha serie de pautas eficaces a seguir polos distintos departamentos que deben intervir ante unha situación de violencia de xénero, tanto municipais coma extramunicipais.

Un protocolo que foi presentado esta mañá polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás; a pola concelleira de Asuntos Sociais e Muller, María Carmen Liste; e pola coordinadora do programa, Beatriz Barbeito. Mirás Franqueira destacou que este protocolo de actuación “é máis cunha declaración institucional, é unha gran aportación para rematar con esta lacra social, que é tarefa de todos e todas”. Neste sentido, o alcalde orosán destacou que “a mellor forma para loitar contra a violencia de xénero é a educación”, un punto no que incidíu tamén María Carmen Liste xa que “na escola é onde debemos facer forza, e así o estamos facendo cos rapaces de Oroso, para que reflexionen sobre a violencia de xénero, os estereotipos, os roles de xénero…”

Tres obxectivos

Este protocolo de actuación, que será aprobado na sesión plenaria deste xoves, guíase por tres obxectivos principais. O primeiro deles é o da prevención e a sensibilización. Neste campo, a coalición de Goberno PSOE-BNG fomentará campañas sobre igualdade entre homes e mulleres, posibilitará que os profesionais que atenden ás vítimas conten con todos os recursos precisos e garantirá que teñan acceso a actividades de formación.

O segundo obxectivo é que, coa posta en marcha deste protocolo, os profesionais que interveñen na atencion ás vítimas disporán dunha clara guía sobre como actuar en cada momento (que se recolle nunha serie de gráficos orientativos deseñados para cada profesional). O Concello de Oroso facilitará que as accións de atención á muller vítima de violencia sexan integrais e coordinadas, proporcionando as medidas urxentes e necesarias que posibiliten a resolución do conflicto e garantindo que reciben un asesoramento psicolóxico, xurídico e social o máis especializado posible.

Finalmente, o terceiro gran obxectivo é coordinar as políticas e actuacións que teñen lugar tras a agresión. Así, o Concello de Oroso ofrecerá acccións de axudas e prestacións que permitan a recuperación e a incorporación social da vítima, garantindo que os seus datos sexan absolutamente confidenciais.

Dípticos informativos

Este protocolo compleméntase cunha serie de consellos ás mulleres para evitar as situacións de violencia e tamén para saber como actuar cando se producen (ofrecendo consellos como, por exemplo, buscar a complicidade dun veciño que poida chamar á Policía no caso de que fose necesario). Uns consellos que forman parte duns dípticos informativos, denominados “Abre os ollos”, que se repartirán entre a poboación e nos que tamén figuran os números de teléfonos aos que acudir no caso de que se produza un caso de violencia de xénero.

Estre protocolo é froito dunha comisión de traballo que se reuniu durante as mañáns dos martes dos últimos dous meses. Nesta comisión participaron Mari Carmen Liste, concelleira de Asuntos Sociais, Sanidade, Muller e Inmigración en representación do Concello de Oroso; persoal técnico implicado na atención ás vítimas (educadora familiar, técnica de emprego, traballadora social de Atención Primaria, psicóloga da Mancomunidade e asesor xurídico da Mancomunidade); o responsable dos servizos de atención primaria en Oroso; os corpos e forzas de Seguridade (Policía Local, Garda Civil de Sigüeiro e Protección Civil) e o xuiz de paz e funcionarios do xulgado de paz.

Declaración institucional

protocolo Durante a presentación deste protocolo municipal contra a violencia de xénero, o Concello de Oroso fixo unha declaración institucional contra esta lacra social na que considera prioritario “impulsar políticas integrais que contemplen a prevención, detección e erradicación final das situacións de violencia contra as mulleres. Isto supón abordar todos os tipos de violencia: estutural, psicolóxica, física, sexual e doméstica ou familiar”.

O Concello de Oroso reitera con esta declaración “o seu compromiso de desenvolver e promover proxectos educativos, preventivos e de sensibilización dirixidos a conseguir a tolerancia cero contra a violencia. O obxectivo final será conseguir un rexeitamento social á violencia de xénero e visualizar modelos alternativos nun marco da cultura de paz”.