subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Cincuenta mozos e mozas do IES de Oroso participaron nun programa de sensibilización sobre a violencia de xénero.


A concelleira da Muller, Mari Carmen Liste, destaca a importancia deste tipo de accións formativas na educación en igualdade dos rapaces.

orosoUn total de 50 alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Oroso, de entre 15 e 16 anos de idade, participaron nun programa de sensibilización sobre a violencia de xénero organizada polo Concello de Oroso, a Mancomunidade de Ordes (a través do Centro de Información á Muller), o Sindicato Nacional de Policía e o propio instituto orosán. Unha xornada impartida por Alejandro Gómez, axente do Sindicato Unificado de Policía, e que contou coa colaboración da concelleira de Muller de Oroso, María del Carmen Liste, e da directora do CIM de Ordes, Nazaret González.

María del Carmen Liste destacou a importancia de realizar periodicamente, e ao longo de todo o curso, distintas accións formativas cos rapaces e rapazas para previr a violencia de xénero. “Aínda que as cousas van polo bo camiño, aínda queda moito no que traballar. Mentres quede un ou dous mozos que non tomen en serio a problemática da violencia de xénero ou que atopen motivos para rir cando se fala dunha violación, estas accións educativas son fundamentais para o noso futuro”, explicou a concelleira orosá.

Obradoiro participativo

De feito, durante o obradoiro celebrado esta mañá quedou claro que moitas das percepcións que os mozos e mozas de Oroso teñen sobre a violencia de xénero nada teñen que ver coa realidade. “No hay un día en vuestra vida en el que no os crucéis con una víctima de violencia de género”. Deste xeito tan contundente, Alejandro Gómez poñía en situación aos rapaces e rapazas de Oroso, xa que moitos deles identificaban a violencia de xénero con países subdesenvolvidos e igualdade cos países nórdicos.

Mentres Alejandro Gómez lles expuña datos obxectivos como que cada ano se producen en España entre 150.000 e 180.0000 denuncias por violencia de xénero ou que nos últimos 5 anos morreron 360 mulleres a mans das súas parellas, Nazaret González fixo o propio no ámbito máis cercano dos rapaces. “Estas sesións son para informarvos, para que non sexades nin vítimas de violencia de xénero nin agresores”, explicou a directora do CIM de Ordes, quen engadíu que “hai milleiros de mulleres e nenos que viven aterrorizados nas súas casas. E non están noutros países”. Así, exemplificou que nos últimos 5 anos se teñen contabilizado máis de douscentos casos de violencia de xénero na comarca de Ordes.

Outro aspecto que sorprendeu aos rapaces foi a idade das vítimas, pois todos pensaban nos seus avós e avoas cando a violencia de xénero é a principal causa de morte en mulleres de 15 a 44 anos. Ademais, Alejandro Gómez explicoulles que “1,5 millóns de mulleres sufriron algún tipo de violencia de xénero nalgún momento da súa vida”.

A través dun taller de investigación dun fenómeno criminolóxico da violencia de xénero, Gómez foi expoñendo cuestións relacionadas coa violencia de xénero, facendo especial incidencia nos efectos que produce entre a xuventude. Traballouse un caso de violencia de xénero dende o punto de vista dunha investigación policial, de xeito que o alumnado asumiu o papel de investigador/a policial e tivo que chegar a unhas conclusións a través da batería de preguntas que lle debería de realizar á vítima, ao presunto agresor e ás posibles testemuñas dende a perspectiva policial.