subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Comezan as obras de reurbanización da rúa Lengüelle (Sigüeiro), nas que o Concello de Oroso investirá máis de 108.000 euros.


As obras contemplan a eliminación de barreiras arquitectónicas, ampliación da rede de evacuación de pluviais, nova canalización de alumeado público, pavimentación da calzada e ampliación de beirarrúas.

orosoO Concello de Oroso iniciou esta semana as obras de reurbanización da rúa Lengüelle (Sigüeiro), nas que investirá un total de 108.374 euros (IVE incluído) e que teñen un prazo de execución de case tres meses. Unhas obras que teñen como principal obxectivo eliminar as barreiras arquitectónicas existentes nesta rúa, seguindo o camiño iniciado coa reurbanización das rúas Xuncal e Tambre (paralela e perpendicular coa rúa Lengüelle) e que tan boa acollida tivo entre a veciñanza.

Na actualidade, a rúa Lengüelle sufre un importante deterioro tanto do firme da súa calzada como da zona peonil, onde as beirarrúas están a diferentes niveis e con diferentes anchos. Os traballos iniciados esta semana teñen como obxectivo nivelar e ampliar as beirarrúas aló onde sexa posible, instalando un pavimento duro e antideslizante en lousa hidráulica.

Así mesmo, os traballos de reurbanización da zona inclúen a ampliación da rede de evacuación de pluviais, unha nova canalización do alumeado público da rúa e o pavimentado da calzada. Durante a realización das obras, o paso dos vehículos desviarase polas rúas da contorna, coa única excepción do acceso dos residentes aos seus garaxes.