O goberno de Oroso aprobará o venres un orzamento de 8,2 M€, un 9,5% máis que o actual
O alcalde, Luis Rey, destaca que o capítulo de investimentos medra un 69,28 %
ata situarse nos 2,1 millóns de euros, “á espera de engadir preto dun millón de
euros máis dos remanentes e do POS”
Resalta tamén que baixa a presión fiscal, redúcense os gastos correntes,
increméntase o gasto social un 15% e deixarase a débeda a cero coa
amortización do único crédito vixente
O goberno local de Oroso aprobará este venres no pleno convocado para as 9.30 horas o orzamento municipal para o exercicio de
2023, que ascenderá a 8,2 millóns de euros, o que representa un incremento do
9,52% respecto ao do ano en vigor (7,5 millóns de euros).
Tras indicar que o proxecto orzamentario conta cos informes favorables de
Intervención e Secretaría, o alcalde, Luis Rey, apuntou que trátase duns “orzamentos
que conxugan a sensibilidade do goberno local coa complicada conxuntura
socioeconómica actual que teñen que afrontar as familias e cunha forte aposta
inversora para seguir transformando e mellorando Oroso”.
Precisamente, en relación aos investimentos, o rexedor indicou que este capítulo
medra un 69,28% ata situarse nos 2,1 millóns de euros, cantidade que agarda
incrementar notablemente “á espera de engadir preto dun millón de euros máis dos
remanentes e do POS”. Entre as actuacións con partidas xa consignadas citou os
465.000 euros destinados ao comezo da reforma da piscina municipal; 316.000 euros
para a mellora da rede viaria Baiuca, Requeixo e Castro-Burgao-Piñeiro; 172.000
euros para a mellora da eficiencia enerxética en Porto Avieira; 152.000 euros para a
mellora da rede viaria en Altiboia; 139.000 euros para a ampliación do saneamento
desde Os Carballos ata Vilar de Arriba; e 110.000 euros para a mellora de pistas en
Piñeirón, Arderís e Senra.
En canto ao capítulo de gastos, Luis Rey explicou que estes orzamentos reducen os
gastos en bens correntes e servizos (-5,5%) e, pola contra, incrementan o gasto social
en aproximadamente un 15% “para atender as necesidades das persoas con menos
recursos e que peor o están a pasar nestes momentos”. Outras partidas que medran
substancialmente son a de deportes e a de comercio, turismo e pemes, un 78%
superior á do orzamento vixente.
Rebaixa da presión fiscal
O alcalde tamén resalta que os orzamentos inclúen unha “importante rebaixa da
presión fiscal”, que cifra en máis de 300.000 euros, debido á supresión do imposto da
plusvalía e ao feito de non repercutir na veciñanza nin a actualización do IPC na taxa
da auga e o saneamento nin o custo da incorporación da recollida orgánica, o
denominado contedor marrón, na taxa da xestión dos residuos.
Finalmente, Luis Rey subliñou que a “xestión responsable” do goberno local
permitirá completar en 2023 a amortización do último crédito vixente e deixar a
débeda bancaria a cero.
Descargar os orzamentos municipais para 2023