subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inviste máis de 325.000 euros na mellora da rede viaria de Trasmonte, Vilarromarís, A Gándara e Calvente.


Dotarase á rúa Celso Emilio Ferreiro dunha nova canalización para a recollida de pluviais que evitará inundacións en Porto Avieira.

O Concello de Oroso licita, por 326.659 euros, melloras na rede viaria das parroquias de Trasmonte, Vilarromarís, A Gándara e Calvente. Unhas licitacións publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia e financiadas pola Deputación da Coruña a través do seu Plan Único. As obras contan cun prazo de execución de seis meses.

O proxecto inclúe o arranxo de varias estradas na parroquia da Gándara, concretamente na contorna dos lugares do Piñeirón e Porto Avieira. O Concello de Oroso reparará as fochancas e grietas nos dous viais que unen Piñeirón con Porto Avieira e con A Falmega, e na estrada que une Porto Avieira con A Igrexa, nas que se aplicará un triplo rego asfáltico e perfilaranse as cunetas a ambos lados. As obras tamén incluirán o pintado das liñas de sinalización viarias e os pasos de peóns e diversos traballos complementarios de limpeza e acondicionamento nas marxes dos viais.

Unhas actuacións que tamén se acometerán na parroquia de Trasmonte (no camiño de Piñeiro e A Costa-Zan), en Vilarromarís (na estrada entre Valverde e Berdomás) e en Calvente, entre Mixoi e Castiñeiro Redondo.

Porto Avieira

Finalmente, na rúa Celso Emilio Ferreiro, emprazada na urbanización Porto Avieira, crearase unha nova canalización para a recollida das augas pluviais co obxectivo de evitar anegacións na calzada. O novo sistema de evacuación de augas contará con tubaxes de PVC e varias arquetas sumidoiros.

Nesta mesma rúa tamén se repararán os desperfectos existentes no pavimentos asfáltico, executando unha nova subbase con capas de cachote de canteira, que actuará como material drenante, zahorra artificial e grava. Posteriormente, estenderase mestura bituminosa en quente para volver pavimentar a calzada.