subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Saúda

alcalde As páxinas web municipais hai tempo que deixaron de ser simples escaparates para dar a coñecer o noso fermoso concello aos internautas para convertérense no punto de encontro dixital para todos os nosos veciños e veciñas. A web do Concello de Oroso é un bo exemplo, pois soubo integrar os máis modernos servizos e tecnoloxías mantendo unha interface sinxela e intuitiva, garantindo así a accesibilidade de calquera orosán ou orosá.

O que comezou como unha comunicación unidireccional do Concello cara o veciño (a través das informacións, avisos e bandos municipais), medrou exponencialmente ata permitirnos estar cada vez máis preto dos cidadáns e cidadás, facilitando o seu acceso á Administración. Non en van fomos dos primeiros Concellos en poñer en marcha algo que hoxe parece tan sinxelo como un sistema de reserva de instalacións deportivas e de pago de taxas por Internet. Non en van fomos dos primeiros Concellos en activar a sede electrónica, para que os nosos veciños e veciñas poidan facer as súas xestións comodamente dende onde queiran, sen ter que desprazarse ata a casa consistorial.

Non en van fomos dos primeiros Concellos en dar o salto ás Redes Sociais, con contas en Facebook e Twitter para interactuar coa nosa veciñanza. Non en van fomos pioneiros poñendo a disposición dos orosáns e orosás a “Liña Verde”, unha APP destinada a informar e resolver calquera incidencia no municipio.

Levamos, pois, un longo camiño percorrido pero, tendo en conta a velocidade coa que cambia o mundo da tecnoloxía e das comunicacións, estou convencido de que nuns anos todo isto quedará obsoleto. Pero aínda estou máis convencido de que, tal e como seguimos mantendo nesta web unhas seccións dirixidas a dar a coñecer a riqueza cultural, patrimonial e paisaxística deste concello dos seis ríos, tamén saberemos estar á altura.

Porque só coa túa participación conseguiremos que este proxecto en común chamado Oroso siga medrando.

Cordialmente,

Manuel Mirás Franqueira