subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O servizo de ofertas de traballo por internet do Concello de Oroso incrementa nun 89% o seu número de usuarios ata as 556 persoas.


O servizo “Emprega Oroso” asesorou a 399 veciños e veciñas, dos que o 83% se interesou por ofertas de traballo e cursos formativos.
A concelleira de emprego, Vanessa Reboredo, espera que “nun futuro pretendemos que funcione como unha plataforma na que empresas e buscadores de emprego poidan cont

O Concello de Oroso fai un balance moi positivo das súas iniciativas para loitar contra o desemprego: o servizo de envío de ofertas de traballo por Internet, que conta cun total de 556 anotados (un 89% máis ca en 2010); e o servizo “Emprega Oroso”, que durante o ano 2011 asesorou a un total de 399 veciños e veciñas. Dous servizos que están profundamente relacionados, de tal xeito que o incremento de usuarios que reciben ofertas de traballo por Internet traduciuse nun descenso do 20% das persoas que se desprazan ata o departamento de Servizos Sociais para facer as correspondentes consultas.

Así, todos os martes e xoves, estes 556 veciños e veciñas reciben nas súas casas toda a información sobre ofertas de emprego, oposicións, cursos de formación, obradoiros, información sobre listas abertas, convocatorias de competencias clave, recoñecementos da experiencia... que van xurdindo cada día e ás que anteriormente só se podía acceder a través dun taboleiro de anuncios colocado no departamento de Servizos Sociais. Unha iniciativa na que pode participar calquera veciño de Oroso simplemente enchendo unha autorización para poder enviarlle os e-mails informativos.

Previsións para o futuro

A concelleira de emprego, Vanessa Reboredo, indica que “o servizo está funcionando moi ben, a pesar de que se puxo en marcha nun momento moi delicado e estou segura de que veremos aínda unha maior eficacia do programa en canto mellore a situación económica”. Neste sentido, Manuel Mirás destaca que “a resposta dos veciños e veciñas a este servizo é moi positiva porque é máis cómodo e evita ter que desprazarse ata a oficina de Servizos Sociais que, á súa vez, queda máis liberada para atender outro tipo de consultas”.

De cara ao futuro, “a idea é que esta aplicación poida funcionar como unha plataforma na que empresas e buscadores de emprego poidan contactar de xeito directo. Pero agora, nos inicios, queremos que sexa a axente de emprego quen medie entre eles xa que pensamos que é unha fase inicial necesaria”.

Autoemprego e formación

Durante este ano 2011, o servizo “Emprega Oroso” atendeu un total de 399 informacións e asesoramentos sobre emprego e formación, o que significa un 20% menos que no ano anterior. O 51% das consultas están relacionadas con ofertas e demandas de emprego, mentres que o 32% destas son sobre cursos formativos. Tamén destaca un importante número de consultas sobre asesoramento legal.

No servizo “Emprega Oroso” están anotadas un total de 266 persoas, 86 homes e 179 mulleres. O perfil tipo dos anotados é o de muller, de entre 30 e 45 anos, con menos de seis meses en situación de desemprego. Tamén é significativo o alto número de parados de longa duración rexistrados no servizo, un total de 79. O horario de atención ao público do servizo “Emprega Oroso” é martes, mércores e venres, de 9:30 a 13:30 horas, no departamento de Servizos Sociais.