subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

A creación da Escola de Baloncesto Camiño Inglés Obradoiro Oroso amplía a oferta de formación deportiva no municipio.


O convenio foi asinado por representantes do Concello, o CEIP Camiño Inglés, o Obradoiro CAB SAD e a Fundación Heracles.
O alcalde agradece a colaboración de todas as entidades e destaca que a nova oferta adáptase moi ben ao perfil da poboación de Oroso.

orosoO Centro Cultural de Sigüeiro acolleu a sinatura do convenio de colaboración para crear a Escola de Baloncesto Camiño Inglés Obradoiro Oroso. O acordo foi rubricado por Manuel Mirás, alcalde de Oroso; Franciso Ávila, director do CEIP Plurilingüe Camiño Inglés; Óscar Rodríguez, directivo do Obradoiro CAB SAD; e José Ángel Casal, presidente da Fundación Heracles.

A nova escola de baloncesto comezará a súa actividade no novo curso 2017-2018. Formará nenos e nenas nas categorías 'baby basket', 'premini' e 'mini'. Nos tres casos participarán en competicións federadas. Para inscribirse, as persoas interesadas poderán utilizar as webs do Concello e do CEIP Camiño Inglés. O alumnado deste centro educativo contará cunha cota bonificada de 12 euros mensuais, mentres que os demais xogadores e xogadoras poderán acceder cunha cota de 15 euros ao mes.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que coa creación desta escola “cumprimos a materia pendente de ofrecer a formación en baloncesto dun xeito organizado, coa coordinación e tutela do Obradoiro e o esforzo do CEIP Camiño Inglés”. Mirás agradeceu a colaboración das distintas entidades e ofreceu “a man tendida” do Concello para o desenvolvemento da nova proposta. O alcalde explicou ademais que o baloncesto é unha disciplina deportiva que se adapta moi ben ao perfil da poboación de Oroso, dado que “temos unha poboación nova, cunha media de idade de 38 anos, e moitos nenos e nenas aos que é importante inculcarlles os valores deste deporte”.

O Concello colaborará coa escola promocionando a actividade e proporcinando material deportivo para o seu desenvolvemento. Este material poderá ser empregado polo colexio durante as actividades lectivas. Como xa vén facendo, o Concello manterá as instalacións do centro nun estado óptimo para o seu uso. Ademais, participará no proceso de inscrición e encargarase do pintado de dous campos de xogo.

O deporte, parte esencial do proxecto educativo do CEIP Camiño Inglés

O director do CEIP, Francisco Ávila, destacou que o deporte é unha parte esencial do proxecto educativo do centro. “Cremos firmemente nos valores que lle pode achegar o baloncesto ao noso alumnado”, afirmou, á vez que fixo fincapé na ilusión con que o alumnado, as familias e o equipo docente reciben a creación da nova escola.

No acordo suscrito, o CEIP comprométese a permitir o uso das pistas deportivas do centro para a escola en horario extraescolar como mínimo de luns a venres de 16 a 18 horas. Tamén fomentará o baloncesto, tanto en horario lectivo como non lectivo, especialmente en campionatos internos, e organizará o uso das instalacións da maneira máis satisfactoria para familias, deportistas e adestradores.

Facer canteira e achegar valores

Óscar Gutiérrez, directivo do Obradoiro, enmarcou a creación da escola “en nuestro objetivo de contar con una buena cantera”. Sinalou que a entidade xa conta con varios equipos das categorías de menor idade competindo na liga autonómica e remarcou o beneficio que tamén supón para o concello que o club se implique na escola de baloncesto. Neste sentido, José Ángel Casal, presidente da Fundación Heracles, desexou que “nun par de anos un nenos desta escola estea xogando no equipo infantil do Obradoiro na liga galega”. Non obstante, manifestou que “o máis importante da nova oferta son os valores que pode achegar o baloncesto, pois é un deporte que valora tanto unha canasta como unha asistencia e que obriga a quen o practica a xogar con intelixencia, que obriga a un esforzo intelectual”.

As obrigas contraídas polo Obradoiro CAB e a Fundación Heracles son que os técnicos das súas categorías inferiores tutelen e dirixan a actividade deportiva da escola. Estes técnicos deberán posuír o título deportivo de Adestrador de Baloncesto, habilitado pola Federación Galega de Baloncesto para dirixir equipos en competicións oficiais. O seu contrato e a afiliación á seguridade social corre por conta do club. A entidade deportiva tamén se encargará de federar os equipos para as distintas competicións oficiais e contempla accións de fomento do baloncesto con actividades como a presenza no CEIP de xogadores do primeiro equipo, a achega de material de agasallo para as competicións internas ou a achega de invitacións para asistir a partidos do primeiro equipo.