subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Máis de 2.000 persoas participan na Cabalgata e festa de recepción aos Reis Magos en Oroso.


O alcalde, Manuel Mirás, pide que “agasallos para todos os nenos e nenas e que os seus pais e nais poidan acceder a traballo digno”.

orosoMáis de 2.000 persoas participaron na tradicional Cabalgata e Festa dos Reis Magos en Oroso. Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron as principais rúas de Sigüeiro precedidos por unha delegación especial de paxes e unha representación do exército romano, que axudaron a repartir caramelos en todo o itinerario.

De seguido, os Reis Magos foron recibidos na Casa do Concello pola corporación, encabezada polo alcalde, Manuel Mirás. Asinaron no libro de honra do Concello e deixaron constancia por escrito dos seus mellores desexos para a poboación de Oroso neste novo ano. Aproveitaron ademais para saudar desde as fiestras do consistorio antes de acudir á festa de recepción no polideportivo municipal.

As gradas da instalación deportiva quedaron pequenas para acoller a todas as persoas que se desprazaron ata a festa, na que os Magos de Oriente recibiron as criaturas unha a unha para repasar as súas peticións para a noite de Reis e entregarlles cadansúa bolsa con doces.

No nome dos tres, o Rei Melchor tomou a palabra para felicitar a todos os nenos e nenas e para anunciarlles que sempre premian a quen se porta ben, se ben precisou que “sempre perdoamos algunha pequena trasnada”.

Na súa intervención, o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, agradeceu a visita dos Reis Magos e desexou “que ningún neno e ningunha nena queden hoxe sen xoguetes”. Para os seus pais e nais, pediu que “canto antes poidan atopar todos un traballo digno”. O rexedor tamén agradeceu a colaboración de todas as persoas que participaron na organización da Cabalgata e da festa, con xogos inchables e música.

Entre as entidades colaboradoras, destaca a Asociación de Amazonas e Cabaleiros de Oroso, que encabezou con sete cabalos a comitiva de máis de cen persoas, entre soldados e senadores romanos e partores.

Concurso de Postais

Xusto antes de comezar a festa, entregáronse os premios do Concurso de Postais de Nadal con mensaxe. Na categoría de 4 a 6 anos, a gañadora foi Elba Carrillo Mosquera coa súa tarxeta “Que un sorriso sempre nos acompañe”. Na de 7 a 9 anos, o premio correspondeulle a Sergio Souto Seoane, por 'Boas Festas'. De 10 a 13 anos, gañou Leo Avila Castro, que hoxe estaba fóra, polo que recollerá o premio en vindeiras datas. E no grupo de maiores de 14 anos, foi premiada María José Rodríguez García. Os gañadores reciben cadanseu lote de libros.