subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso asina convenios de colaboración con todas as entidades deportivas do municipio.


orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Deportes, Luís Rey, asinaron convenios de colaboración con representantes de todas as entidades deportivas do municipio, nas que hai máis de 1.200 veciños e veciñas practicando algunha modalidade deportiva. Para Manuel Mirás, “é unha gran satisfacción que de 7.500 habitantes censados teñamos a máis de 1.200 practicando deporte” nas distintas modalidades fútbol (ED Xuventude Oroso, Sigüeiro FC e Oroso Fútbol Sala), tenis de mesa (Oroso Tenis de Mesa e Tenis de Mesa Espedregada), ciclismo (Tambre Bike), béisbol (Club Leones), Patinaxe (Club Patín Oroso), taekwon-do (Taekwon-do ITF Oroso), ximnasia (Ximnasia Oroso), baile (Club Deportivo Alecrín), xadrez (Xadrez Oroso), rallies (Oroso Motor Sport) e hípica (Club Hípica Oroso).

O alcalde orosán salientou que o obxectivo destes acordos “fomentar unha cooperación activa entre o Concello e os clubs para o desenvolvemento de temas de interese común”. Así, Concello e clubs cooperarán para fomentar a organización de actividades formativas, recreativas e competitivas, fomentando sobre todo o deporte de base. O Concello de Oroso colaborará na promoción dos distintos deportes a través dos centros de ensino e achegará as instalacións axeitadas para levar a cabo as actividades.

Axudas

Neste sentido, Mirás Franqueira salientou que “nos últimos dez anos o salto en canto a infraestruturas deportivas en Oroso foi espectacular, pero non é suficiente. Seguiremos traballando pouco a pouco”. Así, adiantou que “este ano teremos un novo campo de fútbol, xa que é a modalidade onde temos máis deportistas, pero tamén faremos pequenos arranxos noutras instalacións deportivas e trataremos de incrementar as axudas deportivas”.

De feito, o concelleiro de Deportes aproveitou para adiantarlles aos directivos presentes que nos próximos días publicarase no BOP a convocatoria de axudas do Concello de Oroso aos clubs deportivos. Unha convocatoria que este ano terá como novidade que a documentación deberá entregarse a través do rexistro electrónico, non en persoa, polo que Luís Rey puxo aos técnicos do Departamento de Deportes ao servizo dos clubs para axudarlles con estes trámites.

Rey Villaverde agradeceu o traballo que realizan os distintos clubs pois “ademais de ser formadores deportivos, axudades a formar aos nosos rapaces. Polo que seguiremos apostando polo deporte, sobre todo polo deporte de base, porque é cando mellor se collen uns valores como o esforzo, a colaboración ou a constancia que despois serven para a vida en xeral”.

No acto de firma dos convenios participaron José Ferro, do Sigüeiro FC e da ED Xuventude Oroso; Valeri Malov, do Oroso Tenis de Mesa; Nuria Castro, do club Tenis de Mesa Espedregada; Amancio Espiñeira, do club ciclista Tambre Bike; María Fernández, do club Ximnasia Oroso; Franklin Salas, do Club Leones de beisbol; José Manuel Ruíz González, do Club Patín Oroso; Ignacio Pereiro, do Oroso Fútbol Sala; Ramón Castiñeira, do Taekwon-do ITF Oroso; Juan Ramón Salgueiro, do Xadrez Oroso; Manuel Souto, do Oroso Motor Sport; e Theodor Smeu, do Club Hípica Oroso. O director do Club Deportivo Alecrín, Francisco José Muñiz, escusou a súa presenza e asinará o convenio a próxima semana.