subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Corenta veciñas e veciños de Oroso participan nunha xornada de promoción do cooperativismo.


A concelleira María del Carmen Liste destacou a cooperativa como fórmula de emprego moi interesante para as mulleres xa que “nas cooperativas, o importante non é tanto o capital como as persoas”

orosototal de corenta veciñas e veciños de Oroso participaron esta mañá nunha xornada denominada “O cooperativismo: unha fórmula de emprego válida para as mulleres” organizada polo Concello de Oroso, en colaboración coa Oficina de Fomento do Cooperativismo da Mancomunidade de Ordes, para conmemorar o Día Internacional da Muller. Unha xornada impartida por Ana Lorenzo Vila, técnica de fomento cooperativo da Dirección Xeral de Emprego e Economía Social, e presidida por María del Carmen Liste Raña, concelleira de Muller e Igualdade, quen destacou que as cooperativas son unha fórmula de emprego moi interesante para as mulleres xa que “nas cooperativas o importante non é tanto o capital como o potencial e as ideas das persoas”.

Durante preto de dúas horas, Ana Lorenzo Vila explicou que a cooperativa é unha forma de asociacionismo que aguanta moi ben en tempos de crise, polo que lles explicou como funcionan as cooperativas, como crealas e os apoios que existen. Ana Lorenzo admitiu que, aínda na actualidade, as cooperativas teñen que superar numerosos obstáculos, por exemplo, por parte das entidades bancarias. Sen embargo, indico tamén a existencia dunha cooperativa que financia proxectos doutras cooperativas.

Ao remate do acto, o Concello de Oroso entregou aos asistentes un boletín informativo, elaborado en colaboración co Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes, que recolle toda a información precisa en materia de cooperativismo e o recursos que están á súa disposición en Oroso. Trátase da segunda edición deste boletín, que pode tamén consultarse a través da web municipal.