subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso amósase satisfeito coa aprobación dunha senda peonil na estrada DP 3801 por parte da Deputación.


Manuel Mirás lembra que “é un proxecto polo que levamos loitando moito tempo, pero que o anterior goberno provincial do PP non admitiu”.
O investimento, moi demandando pola veciñanza da zona, será de case 230.000 euros e permitirá unir dous tramos de beirarrúas xa existentes.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosa a súa satisfacción tras coñecer que a Deputación da Coruña aproba o investimento de 229.055 euros nunha senda peonil na estrada DP 3801, concretamente entre os puntos quilométricos 2,190 e 3,280. A obra conectará dous tramos de beirarrúas xa existentes na zona e que contan cun elevado grao de utilización por parte dos veciños e veciñas.

Mirás lembra que “este é un proxecto polo que levabamos loitando desde hai moito tempo, pero que o anterior goberno do PP na Deputación non admitiu en catro anos”. Por iso, o alcalde de Oroso agradécelle esta aprobación ao novo equipo da entidade provincial: “en especial ao presidente e á vicepresidenta, dado que esta é unha obra que a poboación da Gándara e de Sigüeiro nos estaba pedindo, ao ser unha zona moi axeitada para pasear e comunicarse a pé coa capital municipal”.

Tal como explica a Deputación, a nova senda discorrerá pola marxe dereita da estrada, en dirección a San Mauro. A súa anchura será de dous metros. Nalgúns tramos contará cunha baranda de madeira para garantir a seguridade, e en toda a súa extensión estará dotada co pintado e a sinalización pertinentes.

Novas sendas

O alcalde de Oroso anuncia que o Concello seguirá investindo na dotación de sendas peonís para as parroquias de Oroso, Senra e Deixebre, nestes casos a cargo dos orzamentos municipais deste mandato. Mirás explica que “son reclamacións que nos efectuaron os veciños durante os Encontros co Alcalde dos últimos meses e ás que queremos darlles cumprida resposta”. En concreto, están previstas sendas entre Porto Avieira e O Piñeirón, en Bouzalonga e en Senra.