subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia un plan urxente de bacheo nas vías municipais das parroquias.


orosoO Concello de Oroso iniciou hoxe un plan urxente de bacheo das vías municipais das distintas parroquias do municipio. O alcalde, Manuel Mirás, e o concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, estiveron presentes no inicio dos traballos, que comezaron esta mañá polo núcleo urbán de Sigüeiro.

Manuel Mirás explica que “queremos aproveitar esta tregua que nos dá a climatoloxía para tratar de tapar todas as fochancas que poidamos nas vías municipais e paliar no posible os cuantiosos danos producidos polas últimas cicloxéneses”. Por iso, o alcalde orosán sinala que “nos próximos tres días imos tentar tapar todas as fochancas que se produciron nos últimos meses e sobre as que non puidemos actuar con anterioridade debido á climatoloxía adversa”. Os equipos de traballo estarán operativos durante a xornada de hoxe venres e, cando menos, os próximos luns e martes da semana que vén, para aproveitar así este tempo seco.

Unha actuación que o alcalde orosán contrapón á realizada polo Ministerio de Fomento na N-550, realizada durante a semana pasada e no medio da choiva. Unha situación que fixo que, apenas unha semana despois, volvan aparecer as mesmas fochancas. Mirás valora positivamente “calquera actuación que se realice para mellorar a N-550”, pero lembra tamén que “non se tocaron os camiños de servizo, que están intransitables tal e como vimos denunciando dende hai tempo”.