subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso recauda unha nova tonelada de tapóns para doar a causas solidarias


orosoO Concello de Oroso, no marco da súa proposta para instalar dous corazóns solidarios para a recollida de tapóns de plásticos, acaba de recoller a súa segunda tonelada deste material. Hai unha semana, Oroso xa conseguira a primeira tonelada deste material, que foi doada á ONG “Axuda a Burundi”.

Esta segunda tonelada será doada a Matías Rey, un rapaz compostelán que sufriu unha parálise cerebral, á que suman outras doenzas como cardiopatía, epilepsia e autismo. Actualmente, a través dos seus pais e a iniciativa "Tu ayuda = mi ilusión", estanse realizando varias campañas para financiar as custosas terapias que precisa Matías. Hoxe, fíxose entrega da tonelada de tapóns recollida a Matías xunto á súa nai.

O Concello de Oroso anima á cidadanía a seguir depositando tapóns nos corazóns solidarios situados nas prazas Isaac Díaz Pardo e Alexandre Bóveda. Os tapóns débense introducir directamente, sen depositar bolsas nin outros residuos.

Dende o comezo desta iniciativa, xa son dúas as causas benéficas que recibirán o apoio solidario de Oroso, a través destas recollidas. Ademais, dende o goberno local recórdase que esta actividade tamén fomenta a reciclaxe de plástico e o coidado medioambiental.

“Agradecemos a colaboración dos nosos veciños e veciñas, quen unha vez máis demostran a súa solidariedade sumándose a esta causa. Oroso é un exemplo de colaboración e apoio aos que máis o necesitan”, subliña Luis Rey, alcalde de Oroso.