subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Formoso anuncia 900.000 € para a humanización da avenida da Grabanxa e para o novo Centro Deportivo


O presidente da Deputación da Coruña adianta que a reurbanización da avenida da Grabanxa, que suporá un investimento de 500.000 euros, mellorará o treito desde a Praza da Foca ata o CEIP de Sigüeiro

A institución provincial aportará outros 400.000 euros, a través dunha modificación de crédito que levará ao pleno deste venres, para cofinanciar a construción do novo C.D. de Sigüeiro

orosoO presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe durante a visita ao Concello de Oroso a aprobación de 900.000 euros de investimentos a través de sendos convenios para acometer a reforma e humanización da avenida da Grabanxa e para cofinanciar o novo Centro Deportivo de Sigüeiro.

Nun acto celebrado no consistorio orosán, González Formoso adiantoulle ao alcalde, Luis Rey, e aos concelleiros presentes que a Deputación investirá 498.000 euros nas obras de reurbanización e humanización da avenida da Grabanxa, concretamente no treito que comprende desde a Praza da Foca ata o CEIP de Sigüeiro.

Esta actuación, que disporá dun prazo de execución de seis meses, mellorará unha das principais entradas e travesías de Sigüeiro coa reposición dos servizos básicos de abastecemento e saneamento e a definición dunha nova aliñación do bordiño para executar posteriormente novas beirarrúas, vados peonís e badéns. Ademais, renovarase o pavimento asfáltico, melloraranse os accesos aos garaxes, instalaranse novas luminarias, plantaranse árbores, instalaranse xardineiras e recolocaranse elementos de mobiliario urbano.

Por outra banda, Valentín González Formoso tamén comprometeu unha aportación de 400.000 euros para cofinanciar a execución do proxecto do novo Centro Deportivo de Sigüeiro, que o goberno local xa presentou a finais do ano pasado e ao que ten previsto destinar unha partida municipal de 500.000 euros. A aportación provincial quedará comprometida no pleno deste vindeiro venres a través dunha modificación de crédito e tanto o Concello como a Deputación agardan que a Administración autonómica se implique tamén na cofinanciación desta infraestrutura deportiva.

Na súa intervención, González Formoso destacou “o grande apoio da Deputación da Coruña aos concellos para acometer proxectos que sen a colaboración provincial serían inviables” e resaltou que, no caso da avenida da Grabanxa, “trátase dunha actuación solicitada polo goberno local e que vai mudar a fisionomía urbana dunha das principais arterias de Sigüeiro”.

Pola súa parte, o rexedor local agradeceu “a implicación e o compromiso de Valentín González Formoso e da Deputación da Coruña coas necesidades do Concello de Oroso” e lembrou que outro dos “proxectos estrela” deste mandato, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, “tamén leva o cuño da Deputación da Coruña”.

“Con estas dúas obras anunciadas hoxe estamos a construír un Oroso aínda máis moderno e dinámico e iso sería inviable sen contar coa colaboración dun político como Valentín e dunha institución como a Deputación da Coruña”, subliñou Luis Rey.