O Concello adopta medidas para racionalizar o consumo de auga trala prealerta de Augas de Galicia
Cortarase o subministro de agua nas tres fontes conectadas á rede e reducirase
o máximo posible o rego das zonas verdes, incluso chegando a cortalo
completamente nalgúns casos
O alcalde, Luis Rey, apela á “responsabilidade da veciñanza para realizar un
consumo responsable” e anima a seguir as recomendacións de Viaqua
O goberno local de Oroso acaba de adoptar medidas
orientadas a racionalizar o consumo de agua despois de que Augas de Galicia ampliara
a finais da semana pasada a prealerta por seca prolongada para a zona do río Tambre,
debido á “importante redución das aportacións hídricas” no último mes na estación
de aforos situada neste cauce.
Polo momento, as primeiras decisións consisten en cortar o subministro de agua nas
tres fontes conectadas á rede pública municipal e en reducir o máximo posible o rego
das zonas verdes, incluso chegando a cortalo nalgúns casos. Ademais, de acordo co
Plan Especial de Seca da Xunta, o goberno local remitiralle periodicamente a Augas
de Galicia datos do caudal captado e do caudal subministrado aos usuarios.
Por outra banda, o alcalde informou que a finais da presente semana está convocada
unha reunión telemática con Augas de Galicia para avaliar a situación e abordar
posibles medidas adicionais que serían necesarias de continuar a situación de seca.
Luis Rey tamén apelou á “concienciación e responsabilidade da veciñanza para
realizar un consumo responsable no ámbito privado”, seguindo os consellos e
recomendacións da empresa Viaqua que foron divulgados esta mesma mañá a través
das redes sociais do concello.