O Concello de Oroso deixará de cobrar a taxa de renovación dos servizos educativos complementarios
A proposta da Alcaldía, o pleno da Corporación aprobou por unanimidade
eliminar o pago pola renovación dos servizos do “Bos días cole” e do Comedor
escolar
Tamén se aprobou a modificación da ordenanza reguladora dos prezos da
Escola Infantil para derogar as súas tarifas a partires do mes de setembro
O pleno da Corporación Municipal de Oroso aprobou na
sesión ordinaria celebrada esta mañá unha modificación da ordenanza reguladora
dos prezos públicos pola prestación dos servizos complementarios de educación nos
CEIP do municipio para deixar de cobrar a partires do vindeiro curso as taxas pola
renovación dos servizos do “Bos días cole” e do Comedor escolar.
Esta modificación, realizada a proposta da Alcaldía, deixa as tarifas de ambos servizos
do seguinte xeito:
- Servizo “Bos días cole”: os beneficiarios todos os días da semana sen dereito a almorzo deberán pagar 30 euros ao mes cada usuario; todos os días da semana con dereito a almorzo, 40 euros ao mes cada usuario; tres días á semana sen dereito a almorzo, 24 euros ao mes cada usuario; e tres días á semana con dereito a almorzo, 30 euros ao mes cada usuario; a asistencia en días soltos con dereito a almorzo, 4 euros; e a asistencia en días soltos sen dereito a almorzo, 3 euros.
- Servizo de comedor escolar: os usuarios con asistencia ordinaria todos os días da semana, 55 euros ao mes cada usuario; con asistencia en días soltos, 5 euros ao día, cada usuario.
En ambos servizos, a matrícula custará 20 euros por usuario, agás no caso de
renovación da matrícula, que estará exenta. Por outra banda, a ordenanza establece
que tamén quedarán exentos da obriga de pago aqueles usuarios declarados en
situación de emerxencia social. Ademais, os usuarios que estean en posesión do título
de familia numerosa en vigor beneficiaranse dunha bonificación das cotas do 20%.
Escola Infantil
A Corporación Municipal tamén aprobou por unanimidade a modificación da
ordenanza reguladora do prezo público pola utilización da Escola Infantil para
adaptala a unha disposición adicional da Lei de Servizos Sociais de Galicia, en virtude
da cal a partires do vindeiro 1 de setembro queda derogado o pago das tarifas para os
nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade.