subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso convoca unha manifestación para reivindicar a apertura inmediata do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro.


Será o vindeiro venres 28 de xullo e está aberta á participación da veciñanza, así como de empresas e entidades educativas, sociais, culturais e deportivas.
A convocatoria conta co apoio de todas as forzas políticas con representación na Corporación municipal.

orosoO Concello de Oroso convoca unha manifestación para esixir a apertura inmediata do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro, que está rematado desde finais de maio sen que o Ministerio de Fomento o poña en servizo. O acto reivindicativo terá lugar o vindeiro venres 28 de xullo e conta co apoio de todas as forzas políticas con representación na Corporación municipal. O acordo tomouse esta mañá nunha reunión mantida entre os distintos voceiros.

Xusto o día antes, no pleno municipal darase lectura a un manifesto conxunto asinado por todos os grupos. O documento sinala que para o Concello de Oroso “é unha necesidade irrenunciable e inaprazable que o Ministerio de Fomento abra á circulación o enlace sur da AP-9 en Sigüeiro sen perder un minuto máis”. A Corporación afirma que “pode chegar a ser comprensible que unha construción deste tipo sufrise atrancos durante a súa execución, o que non é defendible nin presentable é que estea rematada e non se poida utilizar”.

A convocatoria municipal establece que a manifestación partirá da Praza do Concello ás 20:30 horas do 28 de xullo. As persoas participantes tomarán o camiño da Rúa do Xuncal para despois percorrer a marxe dereita da estrada N-550 ata chegar á entrada da AP-9. O Concello anima a participar a toda a poboación do municipio e da contorna, así como ao tecido empresarial e as entidades educativas, sociais, culturais e deportivas.

Unha infraestrutura necesaria para Oroso e a súa zona de influencia

O Concello de Oroso reitera que a posta en servizo do novo enlace “será proveitosa tanto para particulares como para empresas, tanto para as que están radicadas aquí como para as que chegarán atraídas por esta nova facilidade nas comunicacións”. A infraestrutura contribuirá non só ao desenvolvemento do municipio de Oroso, senón ao conxunto da comarca e da súa área de influencia.

Quince anos agardando

O Concello de Oroso solicitou por primeira vez en 2002 a construción dun enlace na AP-9 que permitise ir a Santiago e ao sur de Galicia desde Sigüeiro e tamén que o tráfico procedente do sur tivese saída en Sigüeiro, posto que a peaxe actual só permite ir á Coruña e saír na capital municipal a quen proceda do norte de Galicia. O enlace sur contribuirá tamén a desconxestionar a N-550 e permitirá contar cun itinerario alternativo se na estrada convencional se produce algunha incidencia.

As obras foron aprobadas por un Consello de Ministros en novembro de 2011. Comezaron case catro anos despois, sufrindo durante a súa execución varias interrupcións e reanudacións. Desde finais do pasado mes de maio, os traballos están rematados, pero Fomento non pon en funcionamento o novo acceso por mor dun problema burocrático interno. A manifestación convocada polo Concello demandará que se resolva a situación canto antes.