subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso soltará mañá sábado 5.000 bólas de arxila con microorganismos efectivos para a limpeza de treitos dos ríos Tambre e Carboeiro.


Será o primeiro municipio de España que aplique este tratamento.

O Concello de Oroso soltará este sábado 16 de outubro, ás 11:30 horas, unhas 5.000 bólas de EM-Dango para a limpeza e recuperación de diversos treitos dos ríos Tambre e Carboeiro ao seu paso polo municipio. Trátase dunha técnica que se ten utilizado con éxito noutros países como Xapón ou Estados Unidos e que se empregará por primeira vez en España.

Estas bólas foron elaboradas ao longo do último mes nos centros educativos orosáns e no centro cultural de Sigüeiro, seguindo a técnica desenvolvida polo doutor xaponés Teruo Higa para a depuración de augas mediante o uso de microorganismos eficientes (EM). Así, os rapaces amasaron unha mestura de arxila e auga, á que se lle engadiu unha substancia líquida na que se agrupan os microorganismos.

As bólas (“dango”, en xaponés) elaboradas con esa masa, dun tamaño semellante ao dunha pelota de tenis, foron almacenadas a unha temperatura de entre 20 e 30 graos centígrados durante varios días para propiciar a súa fermentación e o crecemento e multiplicación dos microorganismos. Mañá sábado, ás 11:30 horas, procederase á solta destas bólas nunha serie de treitos dos ríos Tambre e Carboeiro nos que se observou previamente excesiva presenza de lodo. A función dos microorganismos será a de disolver os lodos desde o fondo da canle, dando como resultado final a descontaminación do treito sobre o que se intervén.

Na solta participarán os rapaces e rapazas que estiveron amosando as bólas de EM-Dango, así como os técnicos ambientais que coordinaron o proxecto e o concelleiro de medio ambiente orosán, Xaime Carneiro.