Doazón de 1.740 euros da Asociación de Veciños de Senra para alimentos e Protección Civil
A Asociación de Veciños de Senra fixe hoxe entrega dunha doazón de 1.740 euros para axudar no contexto da actual crise sanitaria do Covid-19.
Eduardo Veiras, vocal da asociación, explica que “1.200 euros serán en alimentos para os colectivos e familias máis vulnerables, e ademais a compra será en establecementos de Oroso para axudar ao comercio local”.
Por outra parte, 540 euros foron hoxe entregados á agrupación de protección Civil de Oroso, como mostra de recoñecemento polo seu intenso traballo durante o estado de alarma.
“Eran cartos que tiñamos para unha sardiñada e unha excursión, que polas actuais circunstancias non podemos facer”, explica Veiras, “polo que decidimos destinar o diñeiro a unha boa causa”.
O Concello de Oroso agradece o xesto da asociación, así como as diferentes doazóns recibidas nas últimas semanas de empresas, colectivos e particulares.