subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Comezan en Oroso as obras de acondicionamento do trazado oficial do Camiño Inglés.


O alcalde, Manuel Mirás, supervisou este mediodía os traballos en compañía do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro.
Mirás asegura que eran unhas obras “agardadas desde hai moito tempo” e reclama que a Xunta deixe “perfectamente sinalizada” a ruta.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, supervisou este mediodía o inicio dos traballos de acondicionamento do Camiño Inglés, en compañía do delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, ademais dos concelleiros de Urbanismo e Turismo, Antonio Leira, e de Obras e Servizos, Eduardo Veiras, entre outros integrantes da corporación.

Os traballos comezaron esta mesma semana nas inmediacións da Fonte da Santiña, en Deixebre. No treito correspondente a Oroso, a Xunta inviste 101.670 euros, dun proxecto que en total suma 322.465 euros e que abrangue o Camiño Inglés desde Carral ata Santiago. As tarefas que se van acometer nos puntos que presentan unha maior deterioración son a explanación e o afirmado da superficie con chan seleccionado e saburra, a reparación de cunetas e a habilitación de pasos de auga e outros elementos que contribúan á correcta drenaxe do vial.

O itinerario no que se intervén en Oroso correspóndese coa delimitación definitiva do Camiño Inglés aprobada en outono de 2014, que ata agora non estaba correctamente sinalizada. Neste sentido, o proxecto inclúe a retirada, reparación de reubicación das antigas monteiras para facilitar o seguimento do Camiño, a instalación doutras novas, máis a colocación de placas de quilometraxe e de cunchas cerámicas. Deste xeito, no outono, cando se prevé que estean rematadas as obras, con catro meses de prazo de execución, os peregrinos poderán percorrer o itinerario oficial sen risco ningún de perderse.

O Camiño necesita máis atención da Xunta

O alcalde trasladoulle ao delegado territorial o interese irrenunciable do Concello de que o Camiño Inglés “quede perfectamente sinalizado”. Manuel Mirás valorou as obras, se ben precisou que “levabamos demasiado tempo agardándoas porque as autoridades competentes tiveron o Camiño Inglés totalmente abandonado”. Por iso, manifesta que “vai sendo horas de que miren por el para que ocupe o lugar que lle corresponde pola súa historia e significado”.

Asociación de Concellos do Camiño Inglés

Mirás explicoulle a Rodeiro o funcionamento da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, na que recentemente o alcalde de Oroso foi designado presidente. Os dous concordaron na pertinencia de establecer unha canle de interlocución fluída entre a entidade e as diferentes Administracións para que o Camiño Inglés sexa potenciado, tendo en conta o seu valor estratéxico para diversificar a enriquecer a economía da comarca.