subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso implanta un novo servizo para comunicar incidencias no equipamento urbano e de consultas ambientais.


Os veciños beneficiaranse das vantaxes de Línea Verde, un servizo gratuíto que dará resposta a calquera consulta medioambiental e servirá de canle directa de comunicación das incidencias no equipamento urbano de Oroso.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, presentou no centro cultural de Sigüeiro o servizo “Línea verde”, que o Concello de Oroso pon en marcha a través da web www.lineaverdeoroso.com. Unha iniciativa que “se converterá nunha canle de comunicación directa e de balde entre os veciños e o Concello tanto para resolver pequenas incidencias que se podan producir no equipamento urbano máis próximo como para solucionar calquera tipo de dúbida medioambiental que lle xurdan”, explica Manuel Mirás.

Para acceder ao servizo Línea Verde Oroso basta con conectarse á páxina web www.lineaverdeoroso.com, ben a través de ordenador ou de dispositivo móbil. Unha vez rexistrado, o usuario poderá poñer en coñecemento do Concello de Oroso calquera incidencia que detecte no equipamento urbano do municipio. Ademais, tamén poderá formular calquera consulta a nivel ambiental. Un equipo de expertos na materia responderalle nun prazo máximo de 24 horas.

Para facilitar aínda máis esta nova canle de comunicación, o Concello de Oroso implantou o servizo Liña Verde tamén a través de dispositivo móbil. Para iso o usuario conéctase á web de Play Store ou APP Store, en función da tecnoloxía empregada no seu dispositivo móbil (Android / iOS). Basta con seleccionar a aplicación Línea Verde e a descarga lévase a cabo de forma gratuíta. Unha vez aberta a aplicación no teléfono, pode decidirse se formular unha consulta ou comunicar unha incidencia.

Procedemento

O procedemento é moi rápido e sinxelo. Para comunicar unha incidencia, abonda con seleccionar a categoría. Por xeolocalización, a aplicación encárgase de detectar de forma automática as coordenadas exactas nas que se sitúa esta incidencia. Aínda así, o usuario tamén pode facelo manualmente se decide enviar o aviso noutro momento dende outro lugar. Posteriormente, pódese achegar unha foto da incidencia cunha breve descrición.

Unha vez enviada, o responsable nomeado polo Concello de Oroso recibirá notificación da incidencia. A partir deste momento, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. Unha vez resolta, o cidadán recibe unha notificación no seu móbil.

O servizo Liña Verde, ademais de tratarse dunha canle de comunicación directa de consultas e incidencias, ofrece ampla información sobre lexislación ambiental, sistemas de xestión, residuos, reciclaxe, contaminación acústica etc... tamén serve como base de consulta sobre trámites administrativos, axudas e subvencións.

Liña Verde é un servizo completamente gratuíto. O cidadán ou a empresa de Oroso pode beneficiarse das vantaxes que ofrece sen necesidade de levar a cabo ningunha contraprestación económica. Coa implantación deste servizo, o Concello de Oroso pretende ofrecer aos veciños e empresas unha canle de comunicación directa para así lograr un municipio que cumpra as normas básicas de benestar social.