subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O alcalde de Oroso e o director de Augas de Galicia supervisan os traballos de conservación fluvial que se executan no Tambre.


As obras contaron cun orzamento de máis de 68.000 euros e realizáronse ao longo de 4.169 metros do río ao seu paso por Oroso, Trazo, Santiago, Ames, A Baña e Negreira.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, supervisaron as obras de conservación fluvial que se están a executar no río Tambre, ao seu paso polo concello de Oroso. Uns traballos que consisten na execución de actuacións de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico do río Tambre.

Estes traballos comezaron a executarse en outubro de 2012 e tiveron que suspenderse temporalmente polas inclemencias meteorolóxicas o 5 de marzo do 2013, polo que se restableceron a principios deste mes de xullo. Segundo datos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a día de hoxe lévase traballado nun total de 4.169 metros no río Tambre, empregando para elo 68 xornadas e un presuposto de 68.573,73 euros. Unhas actuacións realizadas nos municipios de Oroso, Santiago de Compostela, Ames, Trazo, A Baña e Negreira.

Manuel Mirás e Francisco Menéndez visitaron esta mañá as actuacións que se están a realizar en Ponte Carollo, entre as parroquias de Cardama e A Gándara, e que consisten principalmente na retirada de árbores mortos e outros restos vexetais caídos á canle. Manuel Mirás explica que “estamos moi satisfeitos de ver os positivos resultados que teñen estas obras, aínda que botamos en falla que non se nos teña informado máis polo miúdo do contido destas actuacións”.

Na súa visita ás obras en Ponte Carollo, Mirás e Menéndez estiveron acompañados polo concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras; o concelleiro de Cultura, Antonio Leira; e polos concelleiros José Manuel Balado e Telmo García.

Investimentos Medio Ambiente

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, destina case 2,5 millóns de euros á conservación, mellora e mantemento de case 15.000 quilómetros dos ríos da bacía Galicia- Costa. Así o puxo de manifesto esta mañá o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, que esta mañá anunciou a licitación de dous novos e últimos contratos para este fin. Menéndez, que supervisou os traballos de conservación fluvial que se están a executar no río Tambre, ao seu paso polo concello de Oroso, explicou que estes traballos consistirán na execución de actuacións de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia Costa, na zona norte, centro e sur de Galicia.

O director de Augas de Galicia anunciou a próxima publicación no Diario Oficial de Galicia da licitación dos contratos para as actuacións de conservación, mantemento e mellora do ámbito territorial da zona Galicia- Centro e Sur, que abarca dende o Fisterra ata Baiona, por un importe de máis de 1,5 millóns de euros, e que completan a licitación realizada a comezos desta semana da zona Norte, que abarca dende o Concello de Ribadeo ata a Costa da Morte, por 963.600 euros.

Deste xeito, abránguese a totalidade das tarefas de conservación e mantemento dos 14.765 quilómetros ríos da demarcación hidrográfica Galicia Costa, que é competencia da Xunta de Galicia. Na táboa indícanse os datos de licitación de cada contrato:

Zona

Extensión

Importe

Prazo de execución

Norte

Ribadeo- Costa da Morte

963.600

 

24 meses

Centro

Fisterra- Arousa

787.200

Sur

Arousa (marxe esquerda)- Baiona

778.000



O obxecto principal será facilitar o libre discorrer das augas, así como, conseguir condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e estéticos e de uso social no contorno fluvial, sendo respectuoso en todo momento co contorno.

En xeral, estas actuacións recuperarán o funcionamento natural do cauce, rehabilitando a sección hidráulica en puntos sensibles, recuperando os procesos hidrolóxicos, aumentando a heteroxeneidade e o seu grado de naturalidade. Neste senso, as técnicas de restauración a aplicar serán as máis respectuosas co contorno, integrándose na medida do posible co funcionamento ecolóxico do río e da paisaxe fluvial. Polo tanto, procurarase empregar materiais naturais, como pedras, madeira ou vexetación.

Ao igual que nos contratos actualmente vixentes, executaranse en caso de ser axeitado actuacións no ámbito da bioenxeñería, como poden ser a protección e estabilización de coieiras con elementos naturais (tipo biomallas de coco con estaquillas de especies autóctonas de ribeira, ou valados de rollizos de madeira). As labores serán executadas por tres equipos de traballo, que aumentarán a operatividade e poderán traballar en calquera lugar da demarcación en función das necesidades (nos anteriores contratos establecíase unha zona determinada para cada equipo).

Este tipo de actuacións obedecen ás responsabilidades da Administración Hidráulica de Galicia en canto á definición e programación das actuacións de conservación e limpeza das canles e ribeiras dos ríos na zona de afectación do dominio público hidráulico (DPH). O bo estado dos ríos que determina a Directiva marco da Auga esixe un importante labor de prevención do deterioro e de conservación, mantemento e mellora do mesmo.

Tipoloxía dos traballos

Os traballos que se leven a cabo serán de tres tipoloxías. Por unha banda, labores de acondicionamento: ambiental do tramo de cauce afectado, polo que se fará unha limpeza de escombros e outros produtos ou residuos nas marxes do leito, das zonas de servidume de paso e das pistas e camiños de acceso ós mesmos; de lodos e residuos, e de calquera outro sólido estraño e alleo á funcionalidade do río. Tamén se eliminarán estancamentos, tapóns e obstáculos no leito do río e, se fose necesario, acondicionaranse os azudes, eliminaranse os aterramentos e sólidos acumulados, de material flotante e sólido, realizaranse labores de desbroce, así como a retirada de carteis, vehículos abandonados, anuncios publicitarios non autorizados ou que non se axusten ás condicións fixadas nas autorizacións.

A segunda das tipoloxías son actuacións de protección da conservación, que consistirán na execución e reparación de pequenas obras de defensa de infraestruturas, conservación de áreas de descanso, pistas de acceso aos cauces e servidumes de paso, execución e reparación de vaos e pasos executados a nivel dos leitos existentes e a inspección visual dos leitos, servidumes e zonas de paso, tomas de canles e azudes.

Por último, tamén se levarán a cabo actuacións singulares como a mellora ambiental no contorno, como a estabilización de coieiras con elementos naturais, a implementación de barreiras filtrantes para a retención de sedimentos mediante balas de palla fixadas con estacas de madeira, labores de mantemento nos elementos complementarios, servizos especiais de prevención e corrección de danos ante posibles eventos meteorolóxicos adversos, así como unha atención ás incidencias que non poidan ser atendidas polo Servizo de Gardería Fluvial, e realización de labores complementarias.

Máis de 100 actuacións

En virtude do contrato de conservación e mantemento en vigor na actualidade, Augas de Galicia executou case 120 actuacións en ríos da demarcación da bacía Galicia-Costa, actuacións que implicaron mellorar preto de 200.000 metros de ríos e afluentes.
Na táboa indícanse as actuacións executadas por cada bacía.

Bacía Galicia- Costa

Nº actuacións

Metros

Norte

36

97.690

Centro

28

31.921

Sur

52

70.355

Total

116

199.966



Entre estas actuacións destacan algunhas singulares como unha intervención específica no concello de Moaña para a retirada de especies invasoras na que se investiron máis de 30.000 euros, os traballos de conservación do entorno do Encoro de O Con, en Vilagarcía, por un importe de 40.000 euros ou a restauración dos muros das piscinas de A Carixa en Vila de Cruces tralas enchentes. Neste sentido, cómpre destacar a alta operatividade desta metodoloxía de traballo para mobilizar recursos en caso de fortes chuvias, que evita realizar contratacións de emerxencia ao xa contar con medios para poder actuar de modo ordinario.