subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso inicia as obras de instalación de dous novos parques infantís na parroquia de Oroso e en Sigüeiro.


As obras, que inclúen traballos de mellora no parque infantil do Río Carboeiro, estarán rematadas a finais da próxima semana.

orosoO Concello de Oroso vén de iniciar as obras de instalación de dous novos parques infantís, situados na parroquia de Oroso e en Sigüeiro, así como a mellora do espazo infantil situado no parque do Río Carboeiro (Sigüeiro). Uns traballos que estarán rematados a finais da próxima semana.

As obras comezaron esta semana na parroquia de Oroso, onde se vai instalar un parque infantil das mesmas características aos instalados en Deixebre, Senra e Trasmonte en 2010: están situados a carón da escola unitaria e contan cunha base de caucho baixo o tobogán, bambán e balancín. A día de hoxe xa están colocados os xogos e esta mesma semana quedará totalmente listo o chan e un areeiro próximo.

Así mesmo, tamén deron comezo as obras de construción dun novo parque infantil en Sigüeiro, concretamente a carón da piscina municipal de Sigüeiro. O novo parque situarase no terreo que ocupaba a pista de skate, que será desprazada un metros para que o espazo infantil quede a carón da piscina municipal de Sigüeiro, o que facilitará a vixilancia dos cativos por parte dos pais. Nestes momentos explanouse o terreo e desprazouse a pista de skate, polo que dende o Concello de Oroso agardan que o parque infantil estea rematado a finais da vindeira semana.

Melloras

Finalmente, o Concello de Oroso tamén acometerá durante estes días traballos de mellora no parque infantil do Río Carboeiro, situado a carón do Centro Cívico (Sigüeiro). Uns traballos de reparación e mantemento de todos os xogos que integran un dos parques infantís máis grandes do municipio.

Con estes traballos, o Concello de Oroso continúa coa súa aposta por dotar de parques infantís a todas as parroquias do municipio. Así, en 2010 construíu tres novos parques a carón das unitarias de Senra, Deixebre e Trasmonte, ademais de remodelar e mellorar o situado na praza Alexandre Bóveda (Sigüeiro).