Sesenta meniños da escola infantil A Ulloa e das garderías de cativos en Conxo e Restollal plantan árbores no paseo do Carboeiro.
Uns sesenta nenos e nenas da escola infantil municipal da Ulloa e das garderías de Cativos en Conxo e Restollal (Santiago de Compostela) participaron este sábado na plantación de sesenta árbores autóctonas no paseo do Río Carboeiro (Sigüeiro), nunha parcela próxima a onde se construirá o novo colexio de Oroso. Unha tarefa na que estiveron acompañados polas súas familias.
O acto estivo presidido polos concelleiros de Medio Ambiente, José María Castro; Ensino, Antonio Leira; Familia, Mari Carmen Liste; e Relacións Veciñais, Luís Rey Villaverde, quen fixeron entrega aos pequenos das 60 árbores, entre as que figuran carballos, castiñeiros e bidueiros. Os pequenos, que xa tiñan os buratos preparados, encargáronse de plantar as árbores coas súas pas de xoguete e de regalas un pouco, sempre coa axuda dos seus pais e nais e coa supervisión das profesoras da gardería.