subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso estrea un circuíto de parques biosaudables nos espazos de lecer de Sigüeiro.


As instalacións, inauguradas polo alcalde esta mañá, están situadas no Paseo do Carboeiro, na Alameda de Góis e na Praza de Alexandre Bóveda.
Durante esta semana, unha monitora deportiva especializada apréndelles aos cidadáns a correcta utilización dos dezaseis elementos.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás, inaugurou esta mañá o circuíto de parques biosaudables que o Concello instalou en tres dos principais espazos de lecer de Sigüeiro: o Paseo do Carboeiro, a Alameda de Góis e a Praza de Alexandre Bóveda. Estas tres instalacións, que en conxunto teñen dezaseis elementos, forman parte do programa municipal de mellora de parques públicos.

Así, no Paseo do Carboeiro, a carón do parque infantil, situáronse seis elementos. Outros cinco están nun dos paseos da Alameda de Góis e os cinco restantes na Praza de Alexandre Bóveda, ao lado doutro parque infantil. Cada un deles está deseñado para exercitar as diferentes articulacións do corpo e están indicados para mellorar as funcións cardiovascular e respiratoria, fortalecer a musculatura, favorecer a flexibilidade e a axilidade e potenciar a coordinación xeral do corpo.

Estas instalacións xa foron estreadas por un grupo dunhas vinte persoas, durante unha clase na que unha monitora deportiva especializada lles explicou o funcionamento dos distintos aparellos para facer exercicio físico ao aire libre. O vindeiro venres 18 de marzo, a partir das 11 da mañá, está programada outra sesión, de acceso libre, na que todos os interesados poderán recibir as instrucións de uso dos parques.

O alcalde, que asistiu a esta primeira clase acompañado polos concelleiros de parques e xardíns, Xosé María Castro, e de servizos sociais e terceira idade, Maricarmen Liste, animou aos veciños a “tirar todo o proveito deste novo circuíto, que será moi beneficioso para a saúde da terceira idade e de todos os veciños e veciñas en xeral, xa que os aparellos son útiles para todas as idades”.

Manuel Mirás explicou que este circuíto de parques biosaudables servirá tamén para favorecer unha maior interrelación social mediante o uso dos espazos públicos. “É bo que veñades todos e todas con frecuencia, acompañados por familiares, amigos ou veciños, porque de paso que exercitades o corpo tamén tedes máis vida social”, aconsellou o alcalde.

Ampliación do parque infantil

O concelleiro de parques e xardíns, Xosé María Castro, indicou que a instalación do novo circuíto biosaudable é un paso máis dentro do programa municipal de mellora dos espazos públicos, que ten outro dos seus expoñentes na ampliación do parque infantil situado a carón do centro de saúde de Sigüeiro. A ampliación conta cunha caseta de xogos, bambáns e balancíns e está situada xusto ao lado do parque biodaudable do Paseo do Carboeiro “para que os avós e os pais poidan vir acompañados dos cativos e xogar todos á vez”.