Oroso celebrará o 16 de decembro a VII Gala do Deporte, que apadriñará Moncho Fernández
Entregaranse recoñecementos especiais aos deportistas do ano, ás promesas, ás mellores traxectorias deportivas e ás empresas patrocinadoras
O concelleiro de Deportes, Antonio Leira, anunciou
hoxe que o venres 16 de decembro o Centro Deportivo Juanito Amigo acollerá a partir
das 19.30 horas a celebración da VII Gala do Deporte de Oroso, que contará co
adestrador do Obradoiro CAB, Moncho Fernández, como padriño de honra.
Tras dous anos de interrupción por mor da pandemia, desde a Concellaría de Deportes
preténdese converter esta gala “na gran festa do deporte orosino, para poñer en valor
a cantidade e diversidade das modalidades deportivas que se practican neste
concello”, segundo indicou Antonio Leira, quen subliñou tamén que “cada ano
practican deporte en Oroso dunha forma organizada máis de 1.400 rapaces e rapazas
e mozos e mozas”.
O evento incluirá unha entrega de medallas conmemorativas para todos os
deportistas que asistan e, ademais, entregaranse recoñecementos especiais a tres
empresas patrocinadoras de clubs deportivos, a dous deportistas cunha traxectoria
destacada, a dous deportistas con proxección de futuro e aos dous deportistas do ano.
Antonio Leira sinala que a entrega destes premios por duplicado débese “ao feito de
non celebrarse a gala nos últimos dous anos debido á pandemia”.