subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Aberta a inscrición para participar o 4 de setembro na andaina e marcha cicloturista inaugural da Vía Verde


A ruta comezará ás 9.45 horas na Estación de Queixas-Londoño (Cerceda) e rematará na Estación de Sigüeiro tras percorrer 21 quilómetros

Cada persoa interesada en participar deberá entregar o seu formulario de inscrición antes do 1 de setembro no Centro Deportivo ou por e-mail

orosoO Concello de Oroso participará activamente na inauguración da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle o vindeiro 4 de setembro facilitándolle a todos os veciños e veciñas que o desexen a súa participación na andaina ou na marcha cicloturista que partirán ás 9.45 horas da Estación de QueixasLondoño (Cerceda) e que rematará na Estación de Sigüeiro despois de percorrer 21 quilómetros.

Desde o Concello de Oroso proporcionarase tanto un autobús para trasladar aos/ás participantes ás 8.45 horas desde o centro médico de Sigüeiro ata o punto de saída, como un servizo de transporte de bicicletas para aquelas persoas que decidan apuntarse na marcha cicloturista.

A participación é totalmente gratuíta, pero é imprescindible cubrir o formulario que poderá descargarse desde aquí ou que estará dispoñible no Centro Deportivo, debendo entregalo antes do día 1 de setembro ben no Centro Deportivo ou ben enviándoo por correo electrónico ao enderezo deportes@oroso.gal.

Ademais de prever distintos puntos de avituallamento ao longo do percorrido e de dispor dun autobús para recoller ás persoas que non completen a andaina, a organización tamén entregará como agasallo unha camiseta conmemorativa a todos/as os/as participantes.

A Vía Verde discurre sobre o antigo trazado ferroviario entre Santiago e Cerceda, pertencente á liña Santiago-A Coruña, que quedou en desuso coa posta en funcionamento do Eixo Atlántico de Alta Velocidade.

Trátase dun proxecto cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña xunto co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo Feder de Crecemento Sostible 2014-2020.


Descargar folla de inscrición