subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso forma parte da nova Academia de Turismo da Comarca de Ordes para formar e ofrecer asesoramento ás empresas e negocios do sector


orosoOroso é un dos concellos que forman parte da nova Academia de Turismo da Mancomunidade de Ordes, unha iniciativa que pretende formar ás empresas e negocios do sector e dar asesoramento a aqueles proxecto emprendedores con profesionais de alto prestixio.

Os establecementos vinculados dalgunha maneira ao turismo, sexan hoteis, pensións, albergues, establecementos de hostalería ou outro tipo de negocios, poden participar nesta academia de dúas formas: presentando unha candidatura a ser unha das empresas mentorizadas ou asistindo ás clases maxistrais que se impartirán.

“As administracións estamos na obriga de axudar ao sector privado, neste caso o turístico, para que optimicen os seus servizos e a atención que lle prestan ás persoas que nos visitan, por iso no Concello de Oroso apostamos por esta nova iniciativa”, afirma Antonio Leira, concelleiro de Turismo e Promoción Económica.

Para entrar no programa de mentorización, as empresas ou emprendedores interesados deben presentar unha solicitude que será avaliada pola Academia de Turismo, mentres que as clases están abertas a todos os interesados ata cubrir as prazas.

No caso de Oroso, o concello será o escenario da primeira das clases, o próximo 13 de outubro. O título da sesión será ‘Xestión de Empresas Turísticas’ e a ponente Estefanía Fernández.

Apaixonada emprendedora e experta en innovación de modelos de negocio e transformación dixital, Fernández é mentora, conferenciante e fundadora en Berlín de e-bloom e do meetup Business Model Re:public (entidade que crea eventos con máis de 5000 membros a nivel internacional).

O alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, lembra “o impacto cada vez maior do turismo no noso concello, grazas á nosa contorna natural e o Camiño Inglés; coa Academia de Turismo queremos contribuír a que os negocios do sector sexan cada vez mellores”.

O director da academia é Manuel Pan, que conta con mais de 20 anos de experiencia no sector turístico. Moi vinculado á estratexia de negocio e ás novas tecnoloxías, colabora con iniciativas empresariais de grande éxito e tamén coa planificación de destinos turísticos.