subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Oroso acolle unha concentración de tenis de mesa con xogadores portugueses e deportistas da selección galega


orosoO Concello de Oroso acolle esta semana unha concentración de tenis de mesa, no marco do convenio entre o equipo portugués CTM Mirandela e os clubs galegos OrosoTM e TM Monteporreiro. En total, 25 xogadores adestrarán en Oroso nas mellores condicións e ao máis alto nivel deportivo.

Froito deste acordo, a pasada semana estiveron en Mirandela 9 xogadores de Oroso e Monteporreiro, xunto con dous adestradores, 1 por cada club.

Esta semana, 8 xogadores portugueses e un adestrador acudiron a Oroso. Nesta concentración tamén participarán 10 xogadores da selección galega, entre os que se atopan 3 deportistas de Oroso, xunto co seu adestrador. Tamén se sumarán á concentración varios xogadores de Oroso e Monteporreiro.

Dende a organización, espérase que estas sexan as primeiras concentracións dun importante proxecto que se está a forxar con varios clubs do norte de Portugal, cos que compartir experiencia e adestrar en conxunto.

Hoxe o alcalde de Oroso, Luis Rey, e o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, deron a benvida aos participantes da concentración. Ambos agradeceron o labor que se realiza nestas concentracións e que estreita lazos co país veciño.

“É un pracer acoller en Oroso este tipo de acontecementos, que contribúen a fomentar o deporte e a dar a coñecer o noso concello”, subliña Luis Rey, alcalde de Oroso.