subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Sigüeiro Vende celebra este venres a I Noite en Branco, con talleres, exposición comercial, animación infantil e o DJ Marcos Magán.


 

A asociación comercial Sigüeiro Vende, en colaboración con Concello de Oroso, celebrará este venres 16 de xuño a súa primeira “Noite en Branco”. Trátase unha iniciativa que combina unha exposición de dezaseis comercios da localidade cuns obradoiros e unha zona de animación infantil que terán lugar nunha carpa instalada na Alameda de Góis (Sigüeiro) dende as 17:00 horas. O DJ Marcos Magán será o encargado de pechar esta Noite en Branco cunha actuación na propia Alameda de Góis a partir das 20:00 horas.

Así, dende as 17:00 horas os veciños e veciñas de Oroso que se acheguen polos stands instalados na Alameda de Góis poderán descubrir todo o que o comercio de Sigüeiro ten para ofrecerlles. No evento participarán os locais Zoclos, Petiscos, Uve Moda, Ensoños, Equipate, As Esencias, La bellota, Zapatería Rial, Mi vestidor azul, A Casa verde, Cruz nenos, Calzados Loli, Confecciones Primitiva, A tenda de Soledad, Chambra e El ropero de Nalet. Paralelamente á exposición haberá tres obradoiros, dirixidos especialmente a un público infantil. Unha vez rematados os obradoiros, a iso das 20:00 horas, terá lugar a actuación de Marcos Magán, DJ na Discoteca Lennon e Eme Music-Discoteca Móbil e director de Fórmula Éxitos Radio.