subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os Premios Camiño de Santiago distinguen ao Concello de Oroso pola posta en marcha do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés.


Mirás salienta que “é un recoñecemento ao intenso traballo que estamos facendo para promover o Camiño Inglés”.

orosoO alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, recolleu de man do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, un dos galardóns da segunda edición dos Premios Camiño de Santiago 2016, convocados por Turismo de Galicia e entregados nun acto celebrado onte martes na Cidade da Cultura. Manuel Mirás asistiu acompañado dos concelleiros de Turismo, Vanesa Boo, e Cultura, Luís Rey.

Estes premios constitúen un recoñecemento institucional e social ás iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, aquelas que impulsan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos, así como as accións específicas de divulgación e promoción do Camiño de Santiago e da cultura xacobea. Un premio que o Concello de Oroso recibiu pola posta en marcha do Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés (CEICI) e todas as actividades realizadas nos seus primeiros seis meses de vida.

Manuel Mirás amosou a súa satisfacción por que este premio, xa que considera que “é un recoñecemento ao intenso traballo que estamos facendo para promover o Camiño Inglés e que comeza a dar os froitos máis ou menos agardados”. Neste sentido, Mirás sitúa cuestións como o éxito do Certame Internacional do Camiño Inglés, a viaxe realizada a Finchale este verán para promover intercambios de estudantes entre Oroso e Durham, a visita realizada por unha delegación de alumnos de varios colexios de Durham ou a recente visita de asociacións de Amigos do Camiño procedentes de catorce países.

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, afirmou que os Premios Camiño de Santiago son de “suma importancia” para recoñecer aquelas iniciativas públicas e privadas que traballen por conservar e mellorar as distintas rutas do Camiño de Santiago. Castro explicou que o Camiño conta con grandes recoñecementos internacionais e que o Goberno galego quere distinguir a todos aqueles que desenvolven iniciativas que favorecen o bo estado da Ruta Xacobea, que en 2016 xa recibiu máis de 277.500 peregrinos, un 6% máis que no mesmo período do ano anterior.

O Concello de Oroso foi distinguido co segundo premio na categoría de iniciativas ou actuacións presentadas polos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas polas que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago. Economicamente, o premio ascende a 5.000 euros.