subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso abre desde o luns a inscrición nos obradoiros culturais e as actividades para maiores do curso 2016-2017.


Prográmanse as Xornadas de Baile 2016 ata o 26 de setembro.

O Concello de Oroso abre desde o vindeiro luns 12 de setembro o prazo de inscrición para os obradoiros culturais do novo curso 2016-2017, e para as actividades para persoas maiores no nova tempada.

A oferta de obradoiros culturais abrangue unha ampla variedade de propostas para todas as idades. Os veciños e veciñas poden escoller entre teatro, fotografía, labores, traballos manuais, patchwork, debuxo e pintura, e cestería.

As persoas interesadas en obter máis información poden acudir ao Centro Cultural en Sigüeiro, ou chamar ao seu teléfono, o 981 69 09 03. Neste caso, o prazo de inscricións remata o 27 de setembro.

Actividades para maiores

Nas actividades para persoas maiores, o prazo de anotación rematará o 28 de setembro. Están programadas clases de ximnasia en Sigüeiro, Ánxeles, Senra e Trasmonte, clases de música e movemento, tai chi, o obradoiro de memoria e cursos de informática.

As condicións para poder participar nesta programación son ter sesenta anos ou máis, estar empadroado ou empadroada no municipio de Oroso, non estar afectado ou afectada por unha enfermidade infecto-contaxiosa e que a actividade a desenvolver sexa compatible co estado de saúde e a situación sanitaria da persoa solicitante.

A documentación que se debe presentar coas solicitudes é o impreso cuberto, unha copia do DNI e un informe médico segundo o modelo dispoñible no Departamento de Servizos Sociais. As inscricións poden presentarse en Servizos Sociais (na Rúa do Deporte) os luns, mércores e venres e os martes no Departamento de Animación Sociocomunitaria (na Rúa da Cultura).

No caso de que a demanda supere a oferta de prazas dispoñibles, o Concello de Oroso daralle preferencia ás persoas que nunca participaron na actividade en anos anteriores, ás persoas inscritas nun menor número de actividades, ás persoas con maior idade en igualdade, ás persoas nas que o seu estado de saúde aconselle a realización da actividade, e ás persoas que vivan soas ou carezan dunha rede de apoio familiar e social.

Xornadas de baile

Por outra parte, o Taller Alecrín, coa colaboración do Concello de Oroso, pon en marcha unhas xornadas de baile entre o 10 e o 26 de setembro. As modalidades ofertadas son un obradoiro de country e baile en liña de práctica individual, obradoiros de bailes latinos e de salón para parellas de iniciación ou avanzadas, e un obradoiro de baile estándar e latino para parellas ás que lles guste o baile deportivo.

As persoas interesadas en participar nestas xornadas poden dirixirse ao Centro Cultural Fernando Casas e Novoa en Sigüeiro, ou chamar ao teléfono 881 976 742 entre as 10 e as 14 horas.