subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os maiores de Oroso aprenderon os beneficios da musicoterapia nos “Martes saudables”.


orosoUnha quincena de maiores de Oroso participou na primeira sesión dos “Martes saudables” deste curso, que este mes estiveron dedicados á musicoterapia. Impartida por especialistas da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria, os asistentes coñeceron o valor da música para mellorar a súa coordinación física e tamén exercitar as súas mentes, xa que traballan os seus recordos tanto para identificar as cancións que mais lles gustan como á hora de lembrar as letras para poder cantalas.

Tras unha breve introdución teórica, na que os maiores de Oroso reflexionaron sobre a música, o silencio e o ruído; os cantos e bailes convertéronse nos protagonistas da xornada. Así, os maiores identificaron distintos estilos de música e remataron a xornada cantando e bailando en grupo.

As próximas citas dos “Martes Saudables” serán o 3 de novembro, coa charla “A túa saúde da cabeza aos pes”, e o 1 de decembro, coa charla “Coñecer os recursos sanitarios”, impartida por expertos da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria. A entrada é libre e de balde, aínda que por razóns de loxística é preciso confirmar asistencia nos Servizos Sociais de Oroso (rúa do Deporte, 9) ou chamando ao teléfono 981 688 950.