subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Os alcaldes de Oroso e Góis propóñense o desafío de facer chegar a exposición GoisOrosoArte a outros países europeos.


No décimo aniversario do irmandamento de Góis e Oroso, ambos municipios iniciarán conversas coa cidade belga de Bruxas e con concellos ingleses.

orosoPreto dun cento de persoas, entre autoridades, artistas e veciños déronse cita esta mañá en Oroso para asistiren á inauguración da duodécima edición do certame internacional GoisOrosoArte, que poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o vindeiro 1 de outubro. Unha exposición composta por 64 obras de 62 artistas de ambas beiras do Miño e de temática e disciplinas variadas: óleo, acrílicos, acuarelas, fotografía, escultura...

Unha exposición que foi inaugurada polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira;e pola presidenta da Cámara Municipal de Góis, María Lurdes Oliveira Castanheira; quen plantexaron aos artistas presentes o desafío de levar o GoisOrosoArte a outros países como Bélxica ou Inglaterra. “Temos establecido contactos con asociacións da cidade de Bruxas para que tanto Góis coma Oroso inicien un proceso de irmandamento con esta cidade monumental que se centre na cultura e na divulgación da arte. E estou segura de que Manuel Mirás non vai deixar pasar este desafío: engrandecer o GoisOrosoArte e levalo a outros países para reafirmar que somos amigos da cultura”, explicou María Lurdes Oliveira.

Pola súa banda, Manuel Mirás engadiu que “ao igual que hai dez anos, cando asinamos o irmandamento entre Góis e Oroso, dixen que o Camiño de Santiago era un elemento de unión importante entre ambos pobos, hoxe podo dicir que estamos en conversas con concellos de Inglaterra para irmandarnos a través do Camiño Inglés”. O alcalde orosán amosouse moi satisfeito co desenvolvemento do acordo de irmandamento entre ambos municipios, asinado o 21 de setembro de 2007, e agradeceu a participación dos artistas neste certame: “sen vós isto non sería nada”.

Apoio á cultura e aos artistas

Un punto que corroborou o concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, quen salientou que “a cultura serve para a unión dos pobos, para construír pontes ao entendemento. Unha sociedade sen cultura está chamada a desaparecer”. Pola súa banda, María Jesús Castilla, agradeceu ao Concello de Oroso “que me dera unha oportunidade de amosar un exemplo da miña afeción, que non me atrevera antes a compartir con ningúen”. María Jesús Castilla é un novo talento de Oroso que foi escollida como representante dos artistas nesta edición de GoisOrosoArte durante o certame de novos valores convocado polo Concello o pasado mes de novembro. Un ano máis, os irmáns Alfonso e Emiliano Sánchez Velazco foron os encargados de poñerlle o punto musical á velada, ofrecendo pezas clásicas cos seus violíns e rematando cun sorprendente “Eleanor Rigby” de The Beatles. A anécdota da xornada protagonizouna a delegación lusa que, pese a ter chegado en tempo a Oroso, atrasouse na chegada ao inicio do acto debido a que non cambiaran o huso horario portugués, que é dunha hora menos.

V Festival Folclórico

Ao rematar a inauguración, todos os presentes se trasladaron ata o patio cuberto do CEIP do Camiño Inglés para asistiren ao Festival Infantil, onde os nenos e nenas de Lembranzas do Tambre ofreceron un adianto do que será esta tarde a quinta edición do Festival Folclórico Paseo do Carboeiro. Un certame que, debido as inclemencias do tempo con chuvias ocasionais, o Concello de Oroso preferiu realizar a cuberto e que no seu inicio reuniu a máis de duascentas persoas.

A partir das 16:30 horas será a quenda pra as agrupacións Lembranzas do Tambre, Buxos Verdes, Néboas no Cumio e Cantigas e Agarimos. O xantar popular desenvolveuse sen problemas no paseo do Río Carboeiro.