subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Unha excursión ao Aquapark de Cerceda e un roteiro polo Camiño Inglés abren o programa de actividades da Semana Cultural Oroso 2017.


Inclúe vinte actividades culturais e de lecer totalmente de balde que se desenvolverán do 24 de agosto ao 9 de setembro.

Cine, teatro, música, obradoiros, maxia, monicreques, roteiros, excursións e así ata vinte iniciativas compoñen o programa de actividades da Semana Cultural do Concello de Oroso, que terá lugar entre o 24 de agosto e o 9 de setembro. Vinte actividades de carácter lúdico e participación gratuíta organizadas polo Concello de Oroso e que están dirixidas a un público infantil e familiar.

A primeira das actividades, que xa ten lista de agarda, terá lugar este xoves 24 de agosto: a tradicional excursión ao Aquapark de Cerceda. A que tamén está a piques de pechar inscricións é o Roteiro polo Camiño Inglés, que terá lugar o venres 25 de agosto. Dez quilómetros de percorrido entre Ponte Pereira ata a ponte de Sigüeiro, para o que aínda é posible anotarse no Centro Cultural de Sigüeiro ou chamando ao 981 690 903. Ese mesmo venres, ás 22:00 horas, a praza Isaac Díaz Pardo acollerá un concerto a cargo do Grupo Pacífico e a asociación cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso.

Exterior da piscina

O exterior da piscina municipal de Sigüeiro será o escenario da gran maioría das actividades programadas na Semana Cultural de Oroso, que no caso de chuvia serían trasladadas ao centro cultural de Sigüeiro. Así, ás 19:30 horas terán lugar as actuacións de Aéreos Kanbahiota con “Vaia circo” (luns 28), Popín Palomero (martes 29) e Trapediante con “Up 2 down” (mércores 30 de agosto).

O xoves 31 de agosto terá lugar unha gran festa infantil na piscina municipal para maiores de 4 anos, de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 18:30 horas, que rematará cunha gran Festa da Escuma ás 19:00 horas. Xa pola noite, o exterior da piscina municipal acollerá unha observación astronómica dentro do programa “Todocosmos” do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, que terá lugar ás 21:45 horas.

As actividades desta segunda semana pecharanse o venres 1 de setembro cunha xincana para nenos e nenas maiores de 6 anos, ás 11:00 horas no exterior da piscina municipal, e cun concerto de Mamá Cabra ás 19:30 horas no mesmo lugar.

GoisOrosoArte 2017

A praza Isaac Díaz Pardo será o centro das actividades da terceira e derradeira semana da Semana Cultural 2017. Así acollerá cinco obradoiros infantís nas mañás do luns 4, martes 5 e mércores 6, todos eles relacionados coa astronomía. A participación é de balde, mais é preciso inscribirse previamente no Centro Cultural de Sigüeiro ou no 981 690 903. Pola tarde, será tempo para actividades culturais diversas no exterior da piscina municipal de Sigüeiro, salvo a noite de cine do martes 5 de setembro, que terá lugar na praza Isaac Díaz Pardo ás 22:00 horas coa proxección do filme “O Apóstolo”.

Así, o luns 4 de setembro haberá karaoke, touro mecánico, táboa de surf, máquina de flocos de millo, inchables, futbolín humano e obradoiros entre as 18.30 e as 19:30 horas. O mércores 6 de setembro será tempo para a maxia de Kiko Pastur, mentres que o xoves 7 haberá teatro da man de Lucecús Teatro, coa obra “PingüiSOS”. Ambas actividades comezarán ás 19:30 horas no exterior da piscina municipal.

O venres 8 de setembro terá lugar o concerto “The Lollipos & Piano” a cargo de Concerto Gallaecia Eventos, ás 21:00 horas na praza Isaac Díaz Pardo; mentres que a Semana Cultural pecharase o sábado 9 de setembro con dous pratos fortes: a inauguración do certame internacional GoisOrosoArte (12:00 horas no centro cultural) e unha nova edición do Festival Folclórico Río Carboeiro (a partir das 13:00 horas no parque do Carboeiro).