subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O orosán Petre Abraham Smeu, segundo premio de violín no XVIII Concurso Internacional Cidade do Fundao 2017.


O violinista orosán repite o éxito acadado na edición de 2015 xa que, ao gañar o primeiro premio da edición de 2016, este ano viuse obrigado competir na Categoría V, con músicos de 18 anos cando el só ten 15.

orosoPetre Abraham Smeu, veciño de Porto Avieira (Oroso), vén de conseguir o segundo premio de violín no XVIII Concurso Internacional Cidade do Fundao 2017, certame organizado pola Academia de Música e Dança do Fundao e a cámara municipal do Fundao e que tivo lugar do 3 ao 7 de xullo nesta vila portuguesa. Petre Abraham Smeu representou a España na Categoría V xa que “ao ter gañado o primeiro premio na súa categoría o ano pasado, este ano non puido presentarse á mesma e tivo que competir nunha categoría superior, con músicos de 18 anos cando Abraham ten so 15 anos”, explica o seu pai Theodor Smeu Stermin.

Un feito que valora especialmente o concelleiro de Cultura, Luís Rey, quen salienta que “ten moito mérito gañar un segundo premio nestas circunstancias e nun concurso no que participaron 135 músicos de Portugal, España, Brasil, Holanda e Alemaña”. Unha circunstancia á que non é allea o músico orosán, xa que con tan só 13 anos obtivo tamén o segundo posto da Categoría IV no XVI Concurso Internacional Cidade do Fundao 2015, na que se enfrontou a músicos de 15 e 16 anos. Un ano despois, en 2016, conseguiría o primeiro premio da Categoría IV no XVII Concurso Internacional Cidade do Fundao.

Theodor Smeu agradeceu “o labor dos seus profesores: Grisha Nedobora, Anca Smeu, Lev Chistiakov e David Grimal”, así como “o apoio incondicional do Concello de Oroso”. Petre Abraham Smeu recibiu en 2016 un dos premios da Gala da Cultura como Mellor Promesa e participou como intérprete convidado na edición deste ano, sendo habitual que amenice coa súa música os actos culturais que organiza o Concello de Oroso.