subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O IV Día do Deporte de Oroso distingue hoxe venres aos mellores deportistas da temporada.


Comezará ás 20:00 horas no campo de fútbol Lino Balado, despois da exhibición de clausura das escolas deportivas.

O campo municipal de fútbol de Sigüeiro acollerá este venres 17 de xuño, a partir das 20:00 horas, a cuarta edición do Día do Deporte de Oroso, unha iniciativa coa que o Concello de Oroso pretende distinguir aos mellores deportivas e ás promesas máis destacadas do ano 2016. A maiores, tamén recibirán un agasallo os dezaseis clubs deportivos do municipio, así como todos os seus integrantes. A asistencia é totalmente libre e de balde.

O acto estará presidido polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Deportes, Luís Rey, que estarán acompañados polos demais concelleiros da corporación municipal. O Concello de Oroso entregará dez premios en cinco categorías: ao mellor deportista do ano, á mellor promesa, un recoñecemento especial aos clubs deportivos, un recoñecemento á traxectoria e un recoñecemento á empresa que máis apoie o deporte. Así mesmo, entregarán un agasallo a todos os clubs deportivos: Club Leones Béisbol, Club Oroso Fútbol Sala, Club Taekwondo ITF Oroso, Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, Club Ciclista e Running Tambre Bike, Club Oroso Motor Sport, Club Patín Oroso, Club Oroso Tenis de Mesa, Escola Deportiva Xuventude Oroso, Club Xadrez Oroso, Tambre Pitch and Putt, Ximnasia Oroso, SD Deixebre, Club Tenis de Mesa Espedregada, Sigüeiro FC e escolas municipais de Zumba, Ximnasia e Pilates.

A xornada comezará ás 16:30 horas coas tradicionais exhibicións de clausura das escolas deportivas no polideportivo Juanito Amigo de Sigüeiro. Ás 20:00 horas terá lugar unha actuación de danza contemporánea a cargo do ximnasio Termópilas de Sigüeiro. Unha vez entregados os premios, a iso das 21:30 horas terá lugar unha festa de remate coa actuación do Dúo Glamour.