subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

O Concello de Oroso proporalles aos seus veciños a realización dun proxecto de agricultura ecolóxica no municipio.


O concelleiro Xaime Carneiro apunta que “o Concello mesmo podería ofrecer unha parcela para que os veciños a cultiven sempre que haxa interese”.

O Concello de Oroso proporalles aos seus veciños e veciñas a realización dun proxecto para crear unha escola que potencie a agricultura ecolóxica no municipio. Unha iniciativa que parte da asociación da natureza de Oroso, “Oronatura”, e que conta con todo o apoio do Concello orosán.

O concelleiro de medio rural e medio ambiente, Xaime Carneiro, sinala que “o vindeiro venres 5 de novembro organizaremos unha reunión aberta aos veciños na que se lles informará sobre o que é a agricultura ecolóxica e da posibilidade de levar a cabo no municipio unha iniciativa neste sector. Dependendo da súa resposta, propoñerémonos poñer en marcha unha escola de agricultura ecolóxica en Oroso”. Por iso, Carneiro Uzal anima aos veciños e veciñas a acudir ese 5 de novembro ao Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro.

Implicación dos veciños

“Eu agardo que a resposta veciñal será moi positiva”, apunta Xaime Carneiro, polo que “o Concello podería ofrecer unha parcela para que os veciños a cultiven e poidan facer as prácticas”. Ademais, o Concello de Oroso ofrecerá o local e as ferramentas precisas para o desenvolvemento das clases e comprométese a buscar a subvención necesaria para pagar aos mestres. Iso si, os alumnos terán que aboar unha pequena cota, aínda por fixar, por participaren na iniciativa.

Neste sentido, o concelleiro de medio rural e medio ambiente insiste en que “dende o Concello de Oroso valoramos moi positivamente a posibilidade de levar a cabo actuacións que potencien a agricultura ecolóxica no noso municipio, mais a realización ou non desta iniciativa dependerá de que a xente se interese por ela”. A charla do vindeiro 5 de novembro será impartida por unha mestra especializada en agricultura ecolóxica e polo técnico ambiental, Andrés Reboreda, que recentemente participou na solta de 5.000 bólas de EM-Dango para a limpeza do río Carboeiro.