Manuel Mirás ofrécelle a Sanidade a “colaboración absoluta” do Concello para rematar canto antes o novo Centro de Saúde.
A conselleira de Sanidade comprometeuse a que a obra estea rematada este ano e gabou a cooperación municipal para mellorar a asistencia aos usuarios dos servizos de atención primaria.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, ofreceulle esta mañá á Consellería de Sanidade “colaboración absoluta para que o novo centro de saúde de Oroso se remate canto antes e os usuarios poidan desfrutar del”. Foi no transcurso da visita da Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ás obras do novo edificio, situado en Sigüeiro a carón da piscina municipal e do paseo do Carboeiro.
As obras, iniciadas en 2009, rematarán antes de fin de ano, tal como se comprometeu a titular de Sanidade. Supoñen un investimento próximo aos dous millóns de euros, para unha infraestrutura que terá preto de 1.700 metros cadrados de superficie construída. Neste espazo disporá de oito consultas de medicina xeral, sete de enfermería e unha de matrona, ademais dunha sala de educación maternal, un despacho para o traballador social, unha sala de técnicas, unha para extraccións e unha sala polivalente.
Así mesmo, para a área de atención pediátrica haberá dúas consultas de pediatría e unha sala de enfermería pediátrica. Todas as zonas de atención aos usuarios estarán na planta baixa, de xeito que se facilitará a accesibilidade integral. Na planta alta, o centro complétase con espazos destinados á administración, arquivo e outros servizos comúns para os profesionais. Todo o edificio foi ideado coas premisas de facilitarlles a estancia aos usuarios e da máxima adaptación ao contorno, coa incorporación de solucións bioclimáticas na súa construción.
“Unha diferenza grandísima”
Con estas características, o alcalde considera que tanto os profesionais sanitarios como os usuarios “van percibir unha diferenza grandísima” con respecto ao actual centro, que quedou obsoleto polas novas necesidades derivadas do crecemento demográfico de Oroso. Manuel Mirás afirma que a nova infraestrutura servirá para que os pacientes “estean moito mellor atendidos” e poderá dar servizo “de forma máis que folgada” durante polo menos os vindeiros vinte anos.
Neste sentido, a Conselleira de Sanidade destacou que o novo centro de saúde servirá para que os servizos de atención primaria sigan mellorando “nun concello en crecemento, cunha elevada poboación nova, como é Oroso”. Pilar Farjas indicou que o actual centro de saúde ten asignadas unhas 7.500 tarxetas sanitarias e remarcou os avances na informatización dos historiais e na implantación da receita electrónica, que no caso de Oroso xa é plena. A Conselleira subliñou que, dentro do seu obxectivo de mellorar a calidade da atención primaria, resulta “fundamental” que a Xunta obteña o nivel de cooperación por parte dos concellos que atopou en Oroso, tal como ela mesma ratificou.
Visita institucional
A visita da Conselleira de Sanidade ao concello de Oroso comezou na Casa do Concello, cunha recepción en Alcaldía na que a Conselleira asinou no libro de honra do Concello e recibiu de mans do alcalde diversos agasallos institucionais do municipio, como a guía de Oroso en imaxes, o catálogo do certame OrosoArtes 2009 ou un pin co escudo do concello. Este último agasallo protagonizou unha das anécdotas da xornada, xa que a Conselleira non dubidou en poñelo na solapa, afirmando: “xa somos un pouco máis de Oroso”.
Acompañada polo alcalde, o goberno municipal e representantes da corporación, a Conselleira proseguiu a visita nas obras do centro de saúde, onde os responsables da empresa construtora e o arquitecto que elaborou o proxecto explicaron tanto as características como a marcha dos traballos. O seguinte destino da visita foi o actual centro de saúde, no que a comitiva se encontrou co persoal sanitario e cos usuarios. O percorrido concluíu na consulta de pediatría habilitada en 2007 polo concello nun baixo da rúa do Campo, como solución provisional para desconxestionar o servizo local de atención primaria.