subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Máis de medio cento de persoas participan en Oroso nunha mesa redonda sobre a incorporación da muller ao mundo laboral.


O Concello de Oroso organiza este mércores no IES unha xornada de sensibilización sobre o papel da muller na sociedade.

orosoMáis de medio cento de veciños e veciñas de Oroso participaron na tarde/noite do venres nunha mesa redonda sobre a incorporación da muller ao mundo laboral, organizada polo Concello de Oroso para conmemorar o Día da Muller Traballadora. Antes do debate, técnicas do Concello de Oroso presentaron un informe sobre a situación da muller no mercado laboral.

Un informe que ofrece apuntes como que o 80% dos contratos a tempo parcial corresponden a mulleres, o que dificulta a súa independencia económica e mesmo as obriga a unha dobre xornada laboral, pois a corresponsabilidade nas tarefas do fogar aínda é unha utopía. Así, sinalaron que as mulleres dedican unhas tres horas e media á limpeza do fogar, fronte aos 44 minutos dos homes.

O informe, denominado “Porque traballar, traballamos todas”, sinala que o 20,20% das mulleres teñen uns ingresos inferiores ao Salario Medio Interprofesional, porcentaxe que se reduce ata o 7% no caso dos homes. Ademais, apunta tamén que o emprego feminino se concentra en tres sectores: educación (no que representa o 64%), sanidade (o 77%) e servizo doméstico (onde acada o 92%).

Unha vez rematada a exposición do informe, tivo lugar un animado debate entre todos os presentes que se estendeu durante máis de hora e media. A mesa redonda estivo presidida pola concelleira da muller, Maricarmen Liste, e contou coa participación de Vanessa Reboredo, concelleira de facenda; María José Mira, concelleira do PP; Montserrat Viqueira, concelleira do Partido Galeguista; e Margarita Mejuto, en representación do BNG, que expuxeron as súas experiencias como mulleres traballadoras.

Actividade cos rapaces

Maricarmen Liste aproveitou tamén este foro para anunciar que o vindeiro mércores 17 de marzo terá lugar no IES de Oroso unha Xornada de Prevención e Sensibilización con Educación Secundaria, na que participarán todos os alumnos de segundo e terceiro de secundaria, de idades comprendidas entre os 13 e os 15 anos. A actividade, que se desenvolverá ao longo de todo o día, incluirá a proxección dunha película para que os rapaces e rapazas reflexionen sobre o papel da muller na sociedade. Xa pola tarde, traballarase cos alumnos en dúas sesións de 50 minutos cada unha.

Con esta actividade, o Concello de Oroso continúa traballando nas liñas marcadas polo programa de prevención e sensibilización “Abre os ollos”, que pretende atallar as condutas que poidan representar un risco para a convivencia e que afectan negativamente de cara á igualdade entre homes e mulleres. Neste sentido, Maricarmen Liste lembra que “a escola constitúe o axente de socialización no que se forman os futuros homes e mulleres, non é só instruír, senón tamén educar, darlles resposta aos problemas de violencia en contra das mulleres, produto dunha desigualdade profunda con arraigadas raíces culturais”.