O Concello de Oroso celebrará o venres unha mesa redonda con mulleres destacadas do ámbito social e político do municipio.
O Concello traslada ao venres os actos do Día da Muller Traballadora para facilitar a asistencia das veciñas do municipio e ofrecerá servizo de gardería de balde.
O Concello de Oroso programou dúas actividades co gallo da conmemoración do Día da Muller Traballadora, que terán lugar este venres 12 de marzo e que inclúen a lectura dun manifesto de apoio e unha mesa redonda sobre a muller traballadora. A concelleira da muller, Mari Carmen Liste, explica que “decidimos facer as actividades o venres e non o luns para que poidan participar moitas máis veciñas e poidamos tamén contar con máis participantes na mesa redonda”.
Así, os actos comezarán coa lectura dun manifesto de apoio á muller traballadora por parte da concelleira da muller, en nome do Concello de Oroso. Un acto que terá lugar ás 12:00 horas na praza Isaac Díaz Pardo. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, o auditorio do Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro acollerá unha mesa redonda sobre a muller traballadora na que participarán mulleres destacadas do ámbito social e político orosá.
Un acto ao que están invitados todos os veciños e, especialmente, todas as veciñas de Oroso que o desexen, xa que “pretendemos establecer un diálogo entre todas sobre as nosas situacións e experiencias, non se trata dunhas conferencias”. De feito, para facilitar a asistencia do maior número de persoas, o Concello de Oroso ofrecerá un servizo de gardería gratuíto no propio centro cultural de Sigüeiro, dende o inicio da mesa redonda ata a súa finalización.