subscricion Subscricións novas rss Novas RSS contacto Contacto

Cento vinte rapaces de Oroso "limparán" e "reciclarán" de violencia de xénero o municipio.


Os rapaces participarán nun obradoiro de prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero denominado “Punto limpo”.

Un total de 120 rapaces do CEIP e do Instituto de Sigüeiro participarán nun obradoiro de prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero, que terá lugar durante os meses de outubro e novembro. Una iniciativa do Concello de Oroso, e subvencionada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que dará comezo o vindeiro xoves 9 de outubro.

Este obradoiro, denominado “Punto Limpo”, presenta a peculiaridade de transformar aos 60 rapaces de 6º de Primaria do CEIP e aos 60 mozos de 2º da ESO do Instituto nunha especie de “recicladores profesionais” de crenzas, estereotipos e actitudes relacionadas coa violencia de xénero. De feito terán un carné como membros do “Punto Limpo”.

A iniciativa traslada ao campo social a actividade dun “Punto limpo” no campo medioambiental. A diferencia é que neste caso os residuos son todas aquelas crenzas e estereotipos que contribúen á desigualdade entre homes e mulleres e á violencia de xénero. Os rapaces serán os encargados de xestionar estes residuos a través do “Punto Limpo” e abordar un proceso de reciclaxe destas ideas, actitudes e comportamentos ofrecendo novas ideas e opinións alternativas.

Páxina web

Un claro exemplo desta reciclaxe poderá seguirse á través da Rede. O Concello de Oroso albergará na súa web unha páxina adicada a esta iniciativa do “Punto Limpo”. O obxectivo é que todos os veciños que o desexen podan enviar ideas ou frases relacionadas coa violencia de xénero, e os rapaces devolveranllas “recicladas”. Así, fronte a residuos coma a intolerancia, o maltrato, a violencia ou a falta de respecto; estes rapaces reciclarannos en valores coma responsabilidade, respecto, cooperación, autoestima, solidariedade ou tolerancia.

A concelleira de Educación, Vanessa Reboredo, sinala que “con este programa pretendemos contribuir na medida do posible á prevención da violencia de xénero no contexto educativo, ofrecendo unha tarea educativa-lúdica para que os nosos mozos reflexionen sobre os estereotipos e crenzas sociais que caracterizan a nosa sociedade e poidan desenvolver actitudes críticas cara a violencia e mesmo desenvolver habilidades alternativas á violencia e estratexias para afrontar e resolver os conflictos de xeito constructivo”.

Non en van, a concelleira de Educación de Oroso lembra que “as conductas se aprenden, e a escola pode contribuir a previr o problema da violencia de xénero mediante a transmisión de valores, normas e actitudes que primen o respecto aos demais e o respecto á igualdade e dignidade das mulleres”.

O programa “Punto Limpo” desenvolverase durante os meses de outubro e novembro. Os 60 rapaces do CEIP de Sigüeiro terán as súas clases os xoves e venres de 13:50 a 14:45, mentras que os 60 mozos do Instituto asistirán ao obradoiro os xoves de 11:20 a 12:10. A primeira sesión terá lugar o vindeiro xoves 9 de outubro.