Luis Rey anuncia para 2023 o ciclo “HumOroso” dentro da programación cultural estable do novo auditorio
O espectáculo “Aquí Tou”, de Xosé A. Touriñán, rexistrou na estrea deste espazo
cultural “o primeiro cheo ata a bandeira”
A recadación íntegra de 1.650 euros foi entregada á Asociación Galega de
Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame)
O alcalde de Oroso, Luis Rey, anunciou na noite de
onte durante a estrea do auditorio do Centro Cultural Fernando de Casas Novoa de
Sigüeiro que o goberno local está a traballar xa “na elaboración dunha
programación cultural estable” para este novo espazo na que o humor terá “un
protagonismo importante”. Concretamente, o rexedor adiantou que unha das
actividades previstas para o primeiro trimestre de 2023 é o ciclo de humor
“HumOroso”, no que se agarda contar coas actuacións dos principais monologuistas
galegos.
Antes de gozar co monólogo “Aquí Tou”, de Xosé A. Touriñán, o rexedor local
amosouse “moi feliz” polo feito de “poder estrear un auditorio que por razóns alleas
ao concello doulle bastantes dores de cabeza ao goberno local, pero que agora xa
está dispoñible para a celebración de actividades teatrais, musicais, infantís e
culturais en xeral”. “Aínda quedan por rematar algúns detalles no adecentamento
exterior do edificio e no axardinamento, pero como o interior xa está en perfecto
estado de revista non quixemos demorar máis a apertura ao fin de que a veciñanza
poida gozar das comodidades do auditorio nas actividades culturais que xa
comezarán a celebrarse nel desde esta mesma fin de semana”, indicou Luis Rey.
O alcalde tamén agradeceu a asistencia das 165 persoas que ateigaron o patio de
butacas, “no primeiro cheo ata a bandeira do novo auditorio”, porque o importe das
súas entradas (1.650 euros) foi entregado integramente á Asociación Galega de
Trasplantados de Médula Ósea e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame), que
estivo representada polo seu vicepresidente e coordinador da área de Santiago,
Mario Álvarez; a psicóloga Isabel García; e o voluntario/colaborador e veciño de
Oroso Martín Mosquera.